MEDIO AMBIENTE

Comezan os cursos de condución eficiente

08/02/2008 O Curso de Condución Eficiente que pon en marcha a Concellaría de Medio Ambiente, en colaboración co INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), celébranse na cidade entre o luns 11 e o mércores 13 de febreiro.

A parte teórica do curso celebrarase no Centro Social e Xuvenil do Ensanche e para as prácticas pola cidade os vehículos sairán da rúa Frei Rosendo Salvado, onde se atopa o Centro. Poucos días despois da presentación destes cursos no Concello, as prazas esgotáronse, o cal é un sinal evidente do interese que espertaron na cidadanía. A propia concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Elvira Cienfuegos, fará o curso o mércores ás 11:30 horas.

Os cursos teñen como obxectivo buscar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución. A condución eficiente consiste en aplicar unha serie de técnicas para reducir o consumo de combustible e a contaminación medioambiental. Ademais, preténdese aumentar a seguridade vial e o confort a bordo. Segundo datos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), os españois aforrarían un 15% anual en combustible cunha condución máis económica e sen diminuír a velocidade media.

No curso, monitores expertos explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. Os alumnos poderán comparar a influencia das técnicas de condución no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica, en sesións de aproximadamente dúas horas. Os participantes, ata un máximo de catro por vehículo, disporán dun vehículo con medidor de consumo e todos realizarán roldas de condución.

O percorrido empregado contará coa maior parte dos elementos representativos da circulación: cruzamentos, rotondas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e en baixada, etc. É nestas circunstancias nas que unha ou outra técnica achegan diferenzas en consumo. Ademais, cada asistente recibirá un Manual de condución eficiente e un diploma acreditativo da participación. O curso é de balde e o único requisito para asistir é dispor do carné de conducir tipo B e ser condutor habitual.

Compartir: