CULTURA

Cultura e solidariedade únense para chamar a atención sobre os trastornos alimentarios

08/02/2008 A Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL) celebra o seu II Festival Solidario para facer unha chamada de atención sobre os trastornos alimentarios e para demandar que se fale deles con rigorosidade. Será o xoves 14, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a presidenta de ABAGAL, María Flora Cajide, presentaron este festival, que reunirá desinteresadamente a xentes de moi diversas disciplinas: Mela Casal e Gloria Ferreiro, Isi, Pico, Sabela, San e San, Os dous de sempre, Nosa Señora Hoy-Vas, Manuel de Andrade, Os gansters do claqué, Miro Magariños, Paula Carballeira, Orfeón Parroquial e Ernesto Chao.

A gala tamén contará coa colaboración do corpo de bombeiros de Santiago, que realizará un particular desfile da diversidade. Ademais, baixo a dirección dun psicólogo, exhibiranse frases e debuxos achegados por afectados e familiares dos afectados que axudarán a explicar estes trastornos.

O evento conta tamén con varias colaboracións desinteresadas, como a do xogador de fútbol Míchel Salgado, que regalou unha camiseta asinada por todos os seus compañeiros do Real Madrid. Tamén Futgol cedeu unha camiseta do Autos Lobelle de Santiago e a Fundación do FC Barcelona doará tamén diverso material. Todos estes agasallos serán sorteados entre os asistentes á gala.

O prezo da entrada é de 6 euros. Os billetes están á venda no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre, en Conxo; e no establecemento Emilio Iglesias, en Frei Rosendo Salvado, 6. Tamén se poden adquirir no Teatro Principal a mesma tarde da gala.

Compartir: