ALCALDÍA

Compostela contará en 2010 cun novo e dinamizador complexo sociocultural no seu casco histórico

08/02/2008 A entidade bancaria Caixanova deu a coñecer o complexo sociocultural que porá en marcha en Santiago a través de dous inmobles en Cervantes e Preguntoiro. Unha iniciativa que permitirá recuperar un importante patrimonio histórico, potenciar a actividade social e cultural da cidade e reforzar o interese turístico e comercial da zona.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou na presentación do proxecto en Raxoi que "porá ao servizo da comunidade dous equipamentos de extraordinario valor". Sinalou que a previsión é que as dúas instalacións poidan estar listas a finais de 2009 ou principios de 2010, tendo que o prazo das obras será de 14 meses e que será necesaria unha modificación do Plan Especial do Casco Histórico e o informe da Dirección Xeral de Patrimonio.

O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, acompañado do arquitecto José Luís Pereiro, foi o encargado de expor os detalles do proxecto, de 5.000 metros cadrados, con dous complexos que, no arquitectónico, apostan no interior pola funcionalidade e pola presenza de espazos diáfanos e, no exterior, pola conservación e polo respecto das fachadas históricas, de gran valor arquitectónico. Estas novas instalacións non se reservarán exclusivamente para as iniciativas impulsadas por Caixanova, senón que estarán a disposición de todos os composteláns, que contarán coas ferramentas necesarias para desenvolver as súas actividades.

Centro social
O inmoble da praza de Cervantes estará dedicado a todos os aspectos sociais priorizados dende a entidade bancaria: o medio ambiente e a sustentabilidade, a difusión e a promoción da arte galega, o patrimonio histórico-artístico, a asistencia e a integración social, a xuventude e o emprego e do desenvolvemento económico.

O neto do arquitecto do edificio, Manuel Pereiro, será agora o encargado de rehabilitar o edificio e adaptalo aos novos usos previstos. A Escola de Negocios de Caixanova, o Centro Interactivo de Educación Medioambiental "Naturnova", un espazo para exposicións de arte ou un Instituto de Desenvolvemento son só algunhas das iniciativas previstas para o centro social.

Auditorio para 700 persoas
Por outro lado, o antigo palacio dos Condes de Grimondi, no Preguntoiro, converterase no Centro Cultural Caixanova, onde se ubicará un auditorio polivalente con capacidade para 700 persoas. Acollerá as máis diversas manifestacións das artes escénicas e contribuirá a reforzar o papel de Compostela como área de convencións e congresos, demostracións ou outros eventos.

A superficie total construída, unha vez finalizado o proxecto, será duns 2.000 metros cadrados, distribuídos en soto, plantas baixa, primeira e segunda, e dúas máis baixo cuberta. José Luís Pereiro realizará unha reforma interior para adaptar o interior deste inmoble, antes centro comercial.

Despois do acto de Raxoi, xa pola tarde, o proxecto foi presentado ás autoridades autonómicas e aos diferentes colectivos empresariais, sociais e culturais da cidade. Foi nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos ao que, entre outros, asistiu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Compartir: