EIXO ALTÁNTICO

Compostela, na comisión executiva do sistema urbano transfronteirizo máis forte de Europa

07/02/2008 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, trasladouse a Vigo para participar na Comisión Executiva do Eixo Atlántico. Durante a xuntanza, aprobouse a incorporación das cidades previstas na anterior comisión executiva e discutíronse os convenios, o programa e os orzamentos para o ano 2008. Tamén houbo un debate sobre os principais eixes que se presentarán ao debate político da XXV Asemblea Xeral da entidade, que se celebrará o venres 8, e á que acudirá o concelleiro de Facenda, Andrés Fariña, en representación do alcalde.

Esta será a primeira asemblea composta por 34 cidades de Galicia e do Norte de Portugal, trala incorporación de seis novos membros. Na anterior comisión executiva, celebrada no mes de outubro, o alcalde de Santiago mostrárase favorable ás novas candidaturas. Agora, grazas á nova composición, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular convértese no sistema urbano transfronteirizo máis forte de Europa, cun presuposto para este ano de 2,9 millóns de euros.

Na Asemblea debaterase o programa de actuacións previstas para o 2008 que recolle as seguintes iniciativas:
- o reforzamento da presenza do Eixo Atlántico en Europa
- a elaboración dun Plan de transportes intermodal que integre os sistemas portuario, aeroportuario, ferroviario e rodoviario.
- a creación do Sistema Transfronteirizo de Información Urbana do Eixo Atlántico que ten como principal finalidade a elaboración dun informe anual sobre competitividade e cohesión das cidades que conforman o sistema urbano da Eurorrexión
- a posta en marcha dunha Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, experiencia innovadora que segue o modelo que funciona en Barcelona, único existente na actualidade en toda Europa.

Durante a reunión serán analizados os informe de xestión e o informe económico do 2007, así como o programa e o orzamento para este ano.

A Asemblea tamén protagonizará un debate político sobre as liñas estratéxicas prioritarias de actuación a desenvolver nos vindeiros anos encadradas no novo período de programación de fondos comunitarios e no contexto do desenvolvemento da Axenda Estratéxica do Eixo Atlántico, aprobada na Asemblea Xeral celebrada en Vila Nova de Gaia en 2007.

Está prevista a participación no acto de inauguración do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.

Compartir: