CONSORCIO

O Consorcio destina 450.000 euros para un novo proxecto de iluminación da Alameda

06/02/2008 A Comisión Executiva do Consorcio, presidida polo alcalde e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo, acordou iniciar o proxecto de intalacións eléctricas e de alumeado público na Alameda por un importe de 450.000 euros. Este proxecto, que supón unha mellora no rendemento enerxético, adecuándoo ao cumprimento da normativa de aplicación en materia de aforro enerxético e contaminación lumínica, foi distinguido polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) cunha subvención de 102.000 euros.

A obra comprende a renovación da rede de subministro eléctrico, os centros de mando, racionalización de circuitos e equipamento luminotécnico. Deste xeito, procederase á substitución das vellas farolas de formigón no Paseo dos Leóns, Xardíns Mirador e Costa de Santa Susana, por equipos de alta eficiencia e rendemento lumínico, con sistema óptico e fotometría avanzada.

As actuais farolas presentan importantes deficiencias, tanto no báculo como na luminaria, que xustifican a súa substitución por outras semellantes. Ao mesmo tempo, e de acordo co seu valor histórico, rehabilitaranse as farolas dos xardíns de Porta Faxeira, Paseo Central e Paseo das Viuvas. A renovación da instalación suporá un consumo de 30.686 kWh menos cada ano, cun aforro directo na factura da luz de 10.460 euros ao ano, sen menoscabo dunha mellor e máis eficiente iluminación do parque público.

O proxecto de instalación eléctrica e de alumeado público na Alameda executarase en fases distintas, permitindo a apertura por tramos rematados para non interferir no uso que os cidadáns e visitantes veñen facendo deste espazo.

Investimentos millonarios na Alameda

Con esta nova actuación, o Consorcio de Santiago leva investido no acondicionamento da Alameda 2.799.464 euros. Unha cifra que inclúe as seguintes obras xa executadas: proxecto reurbanización (1.806.464 euros), acondicionamento da chan ao suroeste da carballeira (165.00,00 euros) e renovación e rehabilitación das plantacións (340.000,00 euros). A isto hai que engadir outra obra en execución, a de restauración e conservación
de elementos singulares (38.000 euros), e a citado proxecto de alumeado, pendente de adxudicar.

Reposición de pavimentos na Cidade Histórica
Outro dos proxectos acordados na Comisión Executiva do Consorcio é o de reposición de pavimentos na Cidade Histórica, relacionado co Obradoiro de Emprego "Enlousados de Compostela", que se iniciou o 29 de decembro de 2006 na horta de San Martin Pinario, en colaboración coa Fundación Laboral da Construcción. A primeira edición deste Obradoiro tivo unha duración de 12 meses.

A segunda edición, que xa está en marcha con nove alumnos, é complementaria con programas asociados á execución de obras como as que se van a licitar, coa implicación de empresas construtoras no proxecto.

O presuposto previsto polo Consorcio para o funcionamento desta iniciativa é de 450.000 euros para o exercicio de 2008, dos que 150.000 resérvanse para o convenio coa Fundación Laboral da Construcción no mantemento do Obradoiro de Emprego, e 300.000 euros para a licitación de novas obras enmarcadas dentro das iniciativas de conservación e mantemento dos enlousados da cidade histórica.

Dentro deste apartado de licitación de novas obras atópanse as actuacións de mantemento nas rúas de Calderería, Vilar, Algalia de Abaixo, Campás de San Xoán, Acibechería, Troia e Praza da Inmaculada, por un importe total de 165.540 euros.

Aprobación de subvencións de rehabilitación
Entre outros temas, a Comisión Executiva abordou tamén a aprobación de novas axudas á rehabilitación, dentro dos distintos programas, por un importe de 112.000 euros. Trátase dunha subvención para mantemento de edificios, sete para rehabilitación de elementos singulares de madeira e nove para vivendas e locais comerciais.

Compartir: