FESTAS

A chuvia non impediu que milleiros de persoas saíran ás rúas para participar no desfile do Antroido

06/02/2008 As rúas de Compostela sentiron o espírito do Antroido grazas ao tradicional desfile de comparsas e carrozas, que congregou a milleiros de persoas polo centro da cidade. Máis de 30 comparsas e carrozas e multitude de disfraces (de grupo, parella e individuais) inundaron as rúas de cores e de música.

Os participantes reuníronse na estación de RENFE, onde iniciaron o desfile que percorrería as principais rúas do Ensanche compostelán: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na Avenida de Xoán Carlos I. E mentras se agardaba a decisión do xurado, os concursantes e o resto do público puideron gozar coa música e coa posta en escena da orquestra-atracción Lamas no paseo da Alameda.

Ás 21:00 horas, e tras a deliberación, o xurado entregou os premios, nos que valorou tanto o deseño e creatividade das carrozas, como a calidade dos disfraces e a caracterización dos seus membros. O primeiro premio de carrozas foi para O señor dos aneis, mentres que o de mellor comparsa foi para Chicago Casino Royale. Unha Pasarela de chapas recibiu o galardón á mellor parella caracterizada e un Espantallo fíxose co primeiro posto en disfraces individuais. Finalmente, a categoría de grupos tivo como gañador á A corte de Enrique VIII.

Adeus ao Meco
O mércores de Cinza chega o momento da queima do Meco na Praza Roxa. Ás 21:00 horas os participantes do Antroido e as comparsas acompañarán ao Meco, subido ata ese momento no balcón do pazo de Bendaña, dende o Toural ata a céntrica praza Roxa, facendo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, rúa da Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Acorde co pesar da situación os acompañantes deberán lucir loito rigoroso, para despedir como é debido ao Meco do Antroido 2008. A Banda de Ponteceso e a agrupación Volta e Dálle poñerán a nota musical á xornada.

Balance positivo
O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, agradece a participación de todos os composteláns e "o seu entusiasmo e espírito carnavaleiro que encheu de vida as rúas da cidade".

O primeiro día de festa, o sábado 2 de febreiro, a praza do Toural encheuse de centos de incondicionais do Antroido que presenciaron a chegada do Meco e o pregón. Baqueiro destaca que a temática política do pregón, a cargo dos actores galegos Camila Bossa, Iolanda Muíños e Luís Zahera, "non deixou indiferente a ninguén do público e causou sensación".

O domingo foi a xornada dedicada ao neno, co seu propio festival de disfraces na Sala Capitol. No concurso participaron 90 nenos en categoría individual, 19 en parella e 8 en grupo, que tiñan a unha sala repleta de familiares, amigos e compañeiros de colexio. O luns, 4 de febreiro, e tamén na Capitol, celebrouse un baile de máscaras para adultos ao que foi imprescindible acudir disfrazado. A pesar disto, Baqueiro apunta que se esgotaron todas as invitación e que a sala ao completo vibrou coa música da orquestra Cunter’s ata ben entrada a media noite.

Os obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras, habilitados no Toural, na praza Roxa e no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, estiveron moi concurridos ao longo destes cinco días, ensinando aos máis pequenos novas ideas e técnicas de maquillaxe e deseño para sorprender no Antroido do vindeiro ano a todos os seus achegados.

O gran desfile
O desfile do martes de Antroido conseguiu reunir a miles de cidadáns polo centro de Santiago que, ataviados cos seus paraugas, resistiron a chuvia de última hora da tarde. O público, situado nas beirarúas, sentiu a alegría e maxia do Antroido e sorprendeuse coa calidade e bo facer dos centos de participantes nun desfile de máis de dúas horas de duración.

Ademais das comparsas e carrozas que entraron a concurso, Baqueiro destaca a participación da agrupación Colores, que cos seus 105 membros chegados de Pontevedra e tres carrrozas, mostraron ao público unha antoloxía carnavaleira da súa traxectoria como formación, inundada de ritmos brasileiros. "Tamén se contou coa participación de parellas que simplemente desfilaron para divertir e entreter á xente", sinala o concelleiro.

Baqueiro anuncia que, tras escoitar as suxerencias de varios cidadáns, a Concellaría está valorando a posibilidade de organizar para o Antroido de 2009 un día dedicado exclusivamente para os maiores. "Os nosos maiores poderán demostrar as súas habilidades de baile, que tanto ensaian nos diferentes centros socioculturais da cidade, e gozar coa actuación dunha boa orquestra", indica Baqueiro.

Documentos relacionados



Compartir: