FESTAS

Os pregoeiros do Antroido deron o seu particular mitin de humor

03/02/2008 O Antroido de Compostela comezou cunha gran afluencia de público, que encheu a praza do Toural para ver a subida do Meco ao balcón do Pazo de Bendaña e gozar co humor retranqueiro do pregón deste ano, protagonizado por Camila Bossa, Iolanda Muíños e Luís Zahera.

Os pregoeiros realizaron unha posta en escena moi actual, relacionada co clima político do momento e, como telón de fondo, as vindeiras eleccións xerais. Cada un deles representaba a un ficticio partido político: rosa, azul e amarelo, que a modo de mitin anunciaron as súas promesas carnavaleiras. O público, moi participativo en todo momento, non perdeu detalle da actuación e mesmo ofreceu aplausos e abucheos.

Un desfile infantil con moita marcha
A tarde do domingo 3 estaba dedicada en exclusiva aos máis pequenos da casa. Dende as cinco da tarde puideron gozar dun gran festival infantil de disfraces na Sala Capitol. Houbo sesión de baile-discoteca, animacións, entrega de bolsas-cotillón e, por último, un concurso de disfraces en diferentes categorías: mellor grupo, parella e disfrace individual.

Os participantes tiñan desfilar cos seus disfraces para convencer ao xurado e optar aos diferentes premios. Os gañadores de grupo recibiron premios en metálico (1º premio: 180 €; 2º premio: 120 €; 3º premio: 90 €), e as outras dúas categorías conseguiron diferentes agasallos (consolas, a Wii, bicicletas mountain bike, Mp3 e equipos de música).

O máxico baile de máscaras
O luns 4, as actividades comezan ás cinco da tarde con obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras no Toural, na Praza Roxa e no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. A noite será o momento elixido para que os adultos poidan vivir o Antroido e pasar unhas horas de lecer e festa. A cita será ás 23:00 horas na Sala Capitol, onde se ofrecerá un baile de máscaras amenizado pola orquestra Cunter’s. A entrada é libre, previa recollida da invitación no Teatro Principal, coa única condición de ir disfrazados.

Ademais, para participar no desfile do martes de Antroido, os interesados aínda poden anotarse acudindo ao Teatro Principal (Rúa Nova, 21) ata o luns 4 ás 14:00 horas e así optar aos premios en categoría de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada e mellor disfrace individual.

Compartir: