TURISMO

As Cidades Santas incorporan a Belén ao seu grupo promocional

01/02/2008 Santiago, Roma e Xerusalén invitaron formalmente á Autoridade Palestina a incorporar á cidade de Belén ao seu proxecto de cooperación. O "Triángulo Maior", novo nome promocional do grupo de Cidades Santas, presentará o 15 de febreiro ante a Comisión Europea a súa candidatura conxunta para obter fondos comunitarios do programa Euromed Heritage.

A Feira Internacional de Turismo de Madrid foi o escenario dunha nova xuntanza das tres Cidades Santas da Cristiandade, na que Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén formalizaron a súa invitación ante a Autoridade Palestina para incorporar a Belén a este proxecto de cooperación e intercambio de experiencias relixiosas, culturais e turísticas.

O grupo de Cidades Santas, que pasa a ser coñecido co nome promocional de "Triángulo Maior", decidiu tamén presentar ante a Comisión Europea, o 15 de febreiro, o documento preliminar da súa candidatura para optar pola financiación comunitaria que ofrece o programa Euromed Heritage.

A reunión congregou en Fitur aos representantes de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; Turismo de Roma, Patrizia Tanzi; Turismo do Concello de Xerusalén, Eli Nahlias, e ao representante do Ministerio de Turismo da Autoridade Palestina, Majed Ishaq.

Belén agradece a súa incorporación
Ishaq manifestou o seu entusiasmo ao "Triángulo Maior" pola invitación de incorporar a Belén ao proxecto, unha presenza necesaria para que se cumpra un dos requerimentos do financiamento do programa Euromed Heritage, que obriga a incluír a cando menos dúas cidades do Mediterráneo.

Segundo o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, os fondos que se obteñan da Comunidade Europea destinaríanse a financiar proxectos nas catro cidades, coma eventos culturais, creación de rutas e produtos turísticos, festivais, encontros relixiosos e estudos sobre as peregrinacións e sobre xestión de fluxos nos Anos Santos, entre outros.

Durante a feira, a empresa municipal de turismo de Compostela asiste así mesmo a outras reunións con grupos promocionais dos que forma parte, como Cidades do Camiño de Santiago, España Verde e Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas, coas que está a pechar importantes acordos de promoción turística.

Compartir: