UMAD

O xuíz Emilio Calatayud defendeu a Lei do Menor ante 240 alumnos composteláns

01/02/2008 Uns 240 alumnos de varios centros escolares de Santiago asistiron á charla ofrecida sobre a Lei do Menor polo xuíz titular do Xulgado de Menores número 1 de Granada, Emilio Calatayud. Tanto na chala, como previamente, o xuíz explicou que esta norma "merece a pena", así como a necesidade de explicala ben.

As palabras de Emilio Calatayud, coñecido polas súas sentenzas exemplares e educativas en casos con menores, resultan sempre didácticas. Así resultou tamén nesta ocasión, na que o xuíz insistiu na validez da Lei do Menor. "Hailla que explicar moi ben aos menores e facerlles ver que teñen dereitos, pero tamén deberes e dicirlles cales son as consecuencias de que os incumpran", apuntou.

Calatayud reclamou o papel dos pais na educación dos seus fillos. Na súa opinión, "os pais teñen a obriga de protexer aos menores". Puxo como exemplo o acceso a internet e amosouse contrario a que os rapaces teñan acceso libre a calquera contido dende a súa habitación. "O ordenador debe estar no salón", argumentou. Apelando a esa responsabilidade paterna, lembroulles que a Lei vai permitir condenar civilmente aos pais a indemnizar ás vítimas do delito cometido polos seus fillos.

Tamén tivo palabras sobre temas de actualidade, coma o botellón, contra o que se pronunciou. Neste sentido, amparouse na mencionada obriga legal de protección para defender a prohibición de venda de alcohol a menores porque, segundo dixo "o alcohol é unha droga e como tal non deber permitirse o seu consumo aos menores".

O xuíz alertou contra os novos delitos, como a gravación de imaxes a través dos teléfonos móbiles e o seu traslado a internet. Indicou que estes delito, ao igual que outros como o dos nenos maltratadores dos pais ou o do policonsumo, son cometidos preferentemente por rapaces de clase media e media-alta.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, foi a encargada de presentar ao xuíz, do que destacou que "en todo momento ten tempo para dedicar aos menores e para facerlles comprender o mundo protocolario e abstracto das leis que lles afectan". Acompañouna a directora da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes, Pilar Bermejo.

Compartir: