TURISMO

Santiago, premiada en FITUR pola súa xestión da calidade turística

31/01/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, recolleu o diploma que outorga a Secretaría Xeral de Turismo a Santiago de Compostela pola continuidade na aplicación do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino. Santiago ten xa 124 empresas turísticas adheridas a esta marca de calidade.

A secretaria xeral de Turismo de España, Amparo Fernández González, e representantes da Federación Española de Municipios e Provincias entregaron o diploma a Iglesias indicando que desexan desta maneira "recoñecer ás cidades que apostaron no 2001 pola importancia da calidade turística, e que seis anos máis tarde continúan a facelo".

Santiago de Compostela, en efecto, adheriuse como cidade piloto á posta en marcha do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino, xunto con outras cidades, moitas das cales abandoaron a súa aplicación. Só seis destinos lograron ser recoñecidos este ano 2008 en Fitur pola continuidade do seu traballo de calidade, entre eles Santiago, Lanzarote, Menorca e Zaragoza.

A capital galega, a través de Turismo de Santiago, certificou a 124 empresas turísticas no ano 2007, 87 no 2006 e 37 no 2005. O listado inclúe a comercios, guías turísticos, hoteis, taxis, restaurantes, axencias de viaxe, casas rurais, museos, organizadores de congresos, bares, un complexo de saúde, a asociación Compostela Monumental, o Santiago de Compostela Convention Bureau e a oficina de Turismo de Santiago.

Máis sectores en busca da calidade
A Mesa de Calidade Turística é a responsable en Compostela da xestión deste sistema estatal de calidade turística avalado pola Secretaría Xeral de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

As empresas e profesionais composteláns que deciden adherirse voluntariamente ao SICTED e obter o seu distintivo traballan durante todo o ano para cumprir numerosos requirimentos en materia de organización, persoal, instalacións e equipamentos, comercialización, satisfacción do cliente, xestión medioambiental e riscos laborais, entre outros.

No 2008 o SICTED traballará por acadar novos obxectivos, coma aumentar a captación dos comerciantes de fora do Casco Histórico; aumentar a participación de restaurantes, bares e cafetarías; implantar o SICTED en servizos de seguridade e transporte turístico, e seguir o traballo coas empresas xa certificadas, que deben renovar anualmente os seus distintivos.

Compartir: