PLENO

Seis mil clientes veranse afectados en Compostela pola supresión da tarifa nocturna

31/01/2008 Uns 6.000 clientes de Santiago, 450 deles no Casco Histórico, son usuarios da tarifa nocturna e veranse afectados pola súa supresión. Por este motivo, o Pleno municipal, co voto favorable do grupo de Goberno, aprobou unha moción presentada polo BNG na que se insta ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ao mantemento da tarifa nocturna ou, no seu caso, á creación dun sistema de tarificación semellante.

O acordo para solicitar a non supresión da tarificación nocturna vai acompañado da demanda de liñas de subvención para os custes de adaptación dos equipamentos das vivendas de usuarios de tarifa nocturna que desexen acollerse á nova tarifa con discriminación horaria.

A moción resalta que a Cidade Vella verase especialmente afectada pola supresión desta tarifa, polo feito de que nesta zona non existen moitas posibilidades de realizar a acometida de gas cidade e existen moitas dificultades para instalar outro tipo de calefacción. Polo tanto, esta nova regulación das tarifas eléctricas vai supor un importante gasto nas economías familiares.

Ao respecto do novo equipamento nos fogares que requirirá o cambio de tarifa, a voceira do Grupo Socialista, Marta Álvarez-Santullano, aclarou que "os acumuladores si valen con pequenas adaptacións no sistema de contadores".

Túnel da Galuresa
Outra moción secundada polos dous grupos do Goberno foi a presentada polo BNG en relación ás obras do túnel da Galuresa. Así, adoptouse o acordo para solicitar ao Ministerio de Fomento a reducción do prazo de execución da obra ao abeiro do proxecto que o propio Ministerio encargou e aprobou para a construcción deste paso soterrado.

O Goberno local xa ten manifestado o seu desacordo co prazo de 41 meses anunciado por Fomento, e así llo transmitiu o alcalde ao secretario xeral de Infraestruturas, Víctor Morlán, na xuntanza mantida o mércores 30 de xaneiro. Este manifestou boa disposición a atender a demanda e comprometeuse a manter unha nova reunión en marzo, tralas eleccións xerais.

Compartir: