UMAD

Os maiores de Volta do Castro vivirán un Día da Paz a ritmo de rap

29/01/2008 O mércores 30 de xaneiro, ás 11.00 horas, e con motivo da conmemoración do Día da Paz, un grupo de alumnas e alumnos do IES Eduardo Pondal ofrecerán un recital de poemas, cantados a ritmo de rap, aos maiores da residencia de Volta do Castro. Este acto enmárcase dentro dun programa de convivencia posto en marcha pola UMAD que busca fomentar a convivencia entre xeracións.

Nesta actividade, que se encadra no programa de convivencia "De Bo rollo", participarán as alumnas e alumnos do IES Eduardo Pondal, que levan preparando a conciencia o acto durante os recreos de todo o mes, coordinados e dirixidos polas educadoras sociais que desenvolven o programa e pola orientadora e a profesora de música do instituto.

Este día levarán o seu recital á residencia da Terceira Idade de Volta do Castro. Constará dunha serie de poemas musicados con base de rap e con temática referida ao Día da Paz. Foron os propios alumnos os encargados da adaptación das letras, da coreografía e da composición.

Con esta actividade a UMAD, organismo dependente da Concellaría de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago, pretende realizar un achegamento interxeracional e comezar así unha relación de convivencia entre os rapaces e os maiores.

Compartir: