ALCALDÍA

O Concello ratifica o seu compromiso cos emigrantes a través da Fundación Galicia Emigración

29/01/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, mantiveron un encontro institucional co novo presidente da Fundación Galicia Emigración, Juan Carlos Pérez Santiago.

Na xuntanza falouse dos proxectos nos que a Fundación traballa en colaboración co Concello, como os centros de día en Arxentina ou Uruguai. Tamén se comentaron outras iniciativas que a entidade autonómica pretende por en marcha, como unha campaña de sensibilización ou unha oficina da Fundación no exterior.

Sánchez Bugallo recordou que o Concello está no Padroado da Fundación Galicia Emigración dende a súa constitución, e ratificou o seu compromiso de seguir traballando coa entidade porque "a Fundación ten a posibilidade de chegar a onde non o pode facer o Concello".

Apuntou que no último ano o censo de residentes ausentes de Compostela medrou un 20%, pasando a situarse nos 7.000, con previsión de que siga incrementándose nos vindeiros anos ao abeiro dos novos mecanismos para conseguir a nacionalidade. "E se a Lei lles outorga dereitos, nós non podemos negarllos e a nosa obriga é atendelos", concluíu o alcalde.

Compartir: