PROXECTO COMUNITARIO

Aprobada a iniciativa Urbana Santiago Norte

28/01/2008 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto Iniciativa Urbana Santiago Norte para o período 2007-2013, cun orzamento que ascende a 15.150.000 euros. Igualmente, acordouse solicitar á Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda o financiamento do 70% do referido proxecto. O resto achegaríao o Concello.

O Concello debe presentar antes do 30 de xaneiro toda a documentación sobre este proxecto, que aspira a converterse nun dos tres que recibirán finalmente financiamento en Galicia. Ademais de Santiago, outras cinco cidades galegas presentarán os seus proxectos. A presentación cidadá do proxecto farase nun acto que terá lugar precisamente o xoves, 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música, na Rúa Monte dos Postes.

A iniciativa Urbana Santiago Norte é promovida dende o Concello de Santiago e ten como ámbito de actuación os barrios máis antigos e tradicionais da zona Norte: Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, Estila, Almáciga, San Pedro, Concheiros e Belvís e Quiroga Palacios.

Con esta actuación preténdese lograr unha rexeneración económica e social dos barrios propostos, tentando equilibrar ou equiparar a súa situación coa do resto da cidade. Urbana Santiago Norte aspira a converterse nunha ferramenta fundamental para dinamizar a zona norte de Compostela, contribuíndo tamén a mellorar o benestar social e a calidade de vida dos seus cidadáns.

Intervención integral
O proxecto contempla unha intervención integral nesta área, en diversas áreas e coa implicación de distintas concellarías. Así, entre outras moitas, prevense actuacións como a reurbanización do Monte de Deus, medidas de eficiencia enerxética, novas instalacións deportivas, reurbanización de rúas e de accesos, unha aula de interpretación da auga na Almáciga, un programa de corredor comercial para o barrio de San Pedro, proxectos de mobilidade e transporte público ecolóxico ou unha escola infantil en Salgueiriños.

O voceiro da Xunta de Goberno, Néstor Rego, destacou que este é un "proxecto de cidade" e que supón "un reto" tanto conseguilo como xestionalo. En calquera caso, destacou a experiencia na xestión doutros programas do Concello de Santiago, e lembrou que, das cidades galegas que se presentan este ano, unicamente Santiago, Lugo e Ferrol non xestionaron anteriormente un programa Urban.

Rego indicou que o proxecto presenta "iniciativas complementarias a outras previstas na zona polo Goberno municipal" e que a súa posta en marcha suporía un importante impulso á "á dinamización social e económica" desta área norte da cidade. Finalmente, destacou a previsible "implicación de toda a sociedade compostelá nesta iniciativa". A resolución desta convocatoria polo Goberno español estímase para antes do verán.

Direccións relacionadas



Compartir: