FESTAS

Compostela dá a benvida ao Antroido

25/01/2008 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa de actividades para o Antroido 2008, que este ano comezará o sábado, 2 de febreiro, e estenderase ata o mércores 6. O acto estivo marcado pola música e pola animación de dúas comparsas, Os conformistas de Conxo e A ruliña de Laraño e pola presenza do deseñador do Meco, José Manuel Méndez.

Na presentación, Baqueiro convidou a todos os veciños de Compostela a gozar do Antroido e a participar nas actividades programadas. Ademais, recordou que son festas nas que "se permite todo, ou case todo", dende comer os pratos e postres típicos en exceso ata saír de festa un día tras outro. Finalmente, desexou a todos os veciños da cidade que vivan con alegría e ilusión o Antroido de Compostela.

O momento da música e do rebumbio chegou despois da intervención do concelleiro. As comparsas tocaron os seus instrumentos mentres o resto dos asistentes degustaba algúns dos manxares típicos destas festas. Tanto os Conformistas de Conxo como A Ruliña de Laraño son dúas comparsas míticas no Antroido da urbe, formadas por máis de 30 persoas. Interpretan sátiras de temática actual, política ou social, ao ritmo dos seus instumentos e bailes.

Segundo anunciou Baqueiro, as festas comezarán o sábado cunha longa lista de actividades por diante. Ademais de obradoiros de maquillaxe que se desenvolverán ao longo de cinco días de festa, nesta xornada haberá dous momentos clave: o primeiro será ás 20:00 horas, cando o Meco, deseñado polo artista Méndez, desfile dende a praza de Cervantes ata a praza do Toural, onde permanecerá o mércores.

Nesta ocasión, Méndez ideou un Meco que representa a seca e aparece enriba dunha nube na compaña dun lagarto, simbolizando o secuestro da chuvia. Tras o tradicional desfile do Meco chegará o pregón, que este ano corre a cargo dos actores Camila Bossa, Iolanda Muíños e Luís Zahera. Será ás 20:30 horas no Toural e dará o pistoletazo de saída ao Antroido 2008.

O domingo, 3 de febreiro, é o día escollido para que os máis pequenos da casa poidan gozar do Antroido. Terán un festival de disfraces na Sala Capiltol ás 17:00 horas. Poderán gozar durante toda a tarde da música e do baile, ademais de participar no concurso de disfraces e obtar a diferentes premios (consolas, bicicletas ou equipos de música) e participar nun sorteo de regalos.

A Sala Capitol volverá a ser o lugar escollido para celebrar un baile de máscaras para os adultos. Celebrarase o luns, 4 de febreiro, dende as 23:00 horas. Todos os que queiran asistir deben ir disfrazados e recoller a súa invitación no Teatro Principal.

Martes do Antroido

O martes, o gran día do Antroido en Compostela, comezará coa concentración das carrozas, comparsas e charangas na estación de Renfe. De aí partirá o desfile cara a rúa Romero Donallo, e seguirá por Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e Avenida de Xoán Carlos I. O prazo de inscrición para o desfile de martes do Antroido rematará o vindeiro 4 de febreiro e os interesados deben acudir á Concellaría de Festas (Rúa Nova, 21) ata as 14:00 horas dese mesmo día. Trala decisión do xurado entregaranse os premios no Paseo Central da Alameda ás 21:00 horas. As bases para participar neste desfile poden consultarse nesta web.

O Antroido finalizará o mércores coa queima do Meco ás 21:00 horas. Primeiramente fará o percorrido dende o Toural ata a Praza Roxa, acompañado das comparsas e do resto do público que, en sintonía coa tristeza do momento, pode ir de loito rigoroso.

Documentos relacionados



Compartir: