URBANISMO

O alcalde di que a sentenza sobre a antiga fábrica de curtidos de San Lourenzo é "un erro e contraria ao interese xeral"

25/01/2008 Na súa habitual comparecencia dos venres ante os medios de comunicación, o alcalde lamentou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula a licenza concedida para rehabilitar a antiga fábrica de curtidos de Ponte Sarela, en San Lourenzo. Para Sánchez Bugallo, esta decisión é "un erro", así como "contraria ao interese xeral e ao Plan Especial do Casco Histórico".

O alcalde recordou que esta actuación "foi aprobada en cumprimento do Plan Especial do Casco Histórico e cos informes, mesmo laudatorios, das direccións xerais de Urbanismo e de Patrimonio da Xunta de Galicia". En opinión de Bugallo, "respectouse o espírito e a letra do Plan". De feito, engadiu, a Lei do Solo actual permite edificabilidades maiores ás establecidas no Plan.

En calquera caso, apuntou que "esta sentenza non senta xurisprudencia, senón que se trata dun problema puntual e teremos que ver que facer neste caso". Indicou que non cabe recurso e que será tras o análise dos técnicos que se tomará unha decisión.

A licenza concedida no seu día, seguindo as directrices do Plan Especial, concedía a posibilidade de engadir ao edificio rehabilitado un 20% máis de edificabilidade. O xuíz entende que esta superficie a maiores debería terse feito contigua e non separada do edificio recuperado. Os técnicos sosteñen que esta era a única forma de acometer a obra sen danar o inmoble e que a interpretación da norma por parte do xuíz é tamén equivocada.

Compartir: