TURISMO

Dúas estrelas Michelin en "Santiago de Compostela. Repetirás"

24/01/2008 O 26 e 0 27 de xaneiro péchanse os obradoiros gastronómicos con marisco, produto elixido como eixo temático do mes de xaneiro no programa gastronómico "Santiago de Compostela. Repetirás".

No programa participarán dous dos máis reputados cociñeiros de Galicia, como son Yayo Daporta, cuxo restaurante do mesmo nome foi recentemente distinguido cunha estrela na Guía Michelin, e Marcelo Tejedor, que dende o ano 2004 contaba con esta distinción no seu restaurante Casa Marcelo. Daporta e Tejedor prepararán en directo as súas especialidades, explicando os procesos seguidos, de xeito que cada afeccionado poda repetir a experiencia na súa propia cociña. Os obradoiros impártense na Galería Sargadelos e poden participar ata 45 persoas que, por tan só 10 euros, aprenderán durante dúas horas do bo facer destes cociñeiros estrela.

O sábado 26 de xaneiro Yayo Daporta, membro do Grupo Nove, cociñará pratos coma crema de ameixas con berberechos e ovas de troita ou arroz cremoso de vieira e amanita cesarea con carpaccio de cigala. O domingo 27 os asistentes aprenderán a cociñar marisco da man de Marcelo Tejedor, chef de Casa Marcelo, recen chegado de Madrid Fusión, que tamén preparará pratos con algas.

Menús especiais con marisco
Ademais, ata o día 31 de xaneiro unha selección de máis de 20 restaurantes da cidade continúan ofrecendo menús e pratos especiais elaborados a base de marisco. Os clientes só teñen que pedir a carta "Santiago de Compostela. Repetirás" nos restaurantes que amosen o distintivo de establecementos colaboradores.

Compartir: