ALCALDÍA

O Concello colaborará na posta en marcha canto antes do Rexistro do Mercantil

24/01/2008 O novo rexistrador do Mercantil, Santiago Blasco, visitou Raxoi para reunirse co alcalde compostelán. No encontro, Sánchez Bugallo comprometeu a colaboración municipal para poñer en marcha o Rexistro no menor tempo posible.

Tanto Blasco como Sánchez Bugallo expresaron a conveniencia de que o Rexistro poida ubicarse próximo aos dous rexistros da propiedade de Santiago, situados Galeras. "Isto facilitaría os desprazamentos e tamén as substitucións", apuntou o alcalde.

Sánchez Bugallo desexa axilizar os trámites, para o que o servizo comece a funcionar canto antes. Tras o seu nomeamento, corresponde ao novo rexistrador organizar a sede, o persoal e a dotación material. Para iso dispón legalmente dun prazo de seis meses. Non obstante, Blasco pretende atopar o local axeitado no menor tempo posible. Mentres o Rexistro de Santiago non estea listo, os cidadáns deberán seguirse desprazando ata A Coruña.

O novo rexistrador estima que o Rexistro daralle servizo un volume de entre 7.000 e 8.000 sociedades activas. Para atendelo prevé que se contará con sete persoas. A demarcación do Mercantil abarcará, ademais de Santiago, os seguintes concellos: Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros Negreira, Noia Outes, Padrón, O Pino, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Touro, Vedra e Vilasantar.

Santiago Blasco quixo felicitar tamén a Sánchez Bugallo e á sociedade compostelá polo feito de conseguir que Santiago sexa a primeira cidade non capital de provincia que terá Rexistro do Mercantil.

Compartir: