TURISMO

"Santiago é grande", novo lema promocional para Compostela

23/01/2008 Turismo de Santiago renova a imaxe turística da cidade cunha liña de comunicación centrada na idea de que "Santiago é grande", por reunir valores coma o patrimonio, o Camiño de Santiago, a capitalidade de Galicia, a Catedral, a Universidade, a cultura, a arquitectura contemporánea, os espazos verdes, a gastronomía e a vida urbana, entre outros.

Esta nova imaxe plásmase na edición dun novo vídeo, en folletos e en diversos materiais promocionais, tanto para o sector especializado como para o público en xeral. Os cidadáns poderán coñecer o vídeo promocional da súa cidade o xoves 24 de xaneiro nos informativos locais.

A campaña de comunicación, lanzada en oito idiomas, pretende transmitir a idea de que esta cidade, capital de Galicia, con arredor de 100.000 habitantes, é grande porque nela converxen valores universais que gozan a cotío visitantes e cidadáns. A imaxe foi presentada o mércores 23 de xaneiro na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, nun acto presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e que contou coas intervencións do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e do xerente da Sociedade Municipal de Turismo, Iñaki Gaztelumendi, ante un público de preto de 300 invitados.

Un logotipo que di moito
O logotipo da campaña, un caixón de texto encabezado polo lema "Santiago é grande", complétase coa frase "é Patrimonio da Humanidade, é Camiño, é Galicia, é Catedral, é Universidade, é cultura, é de cine, é arquitectura, é verde, é gastronomía, é vida urbana, é hospitalidade, é compras, é cidade de congresos, é Compostela".

Sobre cada unha destas características versarán os libros que comporán a nova guía de viaxe da cidade, dividida en cómodos tomos agrupados nun paquete de cartón que se poderá adquirir completo ou por separado.

Publicacións profesionais
As primeiras publicacións en ver a luz nesta nova liña de comunicación son as destinadas ao público especializado: un folleto promocional para repartir nos países de orixe dos visitantes e unha guía profesional que funciona como manual de vendas.

O folleto promocional, editado en castelán, galego, inglés, francés, alemán, italiano, portugués e xaponés, amosa moi graficamente os principais atractivos de Santiago a turoperadores e axentes de viaxe, para espertar o interese inmediato por Santiago como destino turístico. Será utilizado nos eventos e feiras aos que asiste regularmente Turismo de Santiago e posúe dúas verisons, unha de distribución masiva e unha vip.

Pola súa parte, a guía profesional recolle un exhaustivo listado de aloxamentos, produtos e servizos turísticos, circuítos e outros datos para organizar a viaxe de grupos e particulares a Santiago.

Máis información para os visitantes
No acto do día 24 presentouse tamén a primeira das publicacións dirixida aos visitantes, un folleto que se repartirá de forma gratuíta xunto co plano-guía nas oficinas de turismo municipais, e que servirá como primeira orientación para explorar a cidade máis aló da Catedral.

Outra novidade foi o lanzamento dun plano-póster debuxado por Isidoro González Adalid, que recolle un fermoso alzado urbano con rueiro. Nos seguintes meses aparecerán o conxunto de guías da cidade e un libro de fotografías de autor.

Vídeo promocional
O novo vídeo turístico promocional, realizado por Ficción Producciones tras gañar o concurso convocado por Turismo de Santiago, consiste nun plano secuencia de dous minutos que percorre os lugares máis emblemáticos de Compostela.

Para producilo empregáronse unha grúa hidráulica de 16 metros de altura e un mini helicóptero alemán dotado de wescam para acceder cun novo punto de vista a localizacións como a Alameda, a Praza de Abastos, o Auditorio, as prazas da Catedral, o interior da basílica, o Hostal dos Reis Católicos, a rúa do Vilar e bosques cercanos.

Os primeiros pases públicos do vídeo nos medios realizaranse o xoves 24 de xaneiro durante os informativos de Localia TV (20:30-21:30 horas) e Correo TV (21:00-22:00 horas).

Compartir: