DEPORTES

Oitocentos escolares participaron na I Campaña escolar de iniciación á patinaxe sobre xeo

23/01/2008 O martes 22 de xaneiro finalizou a I Campaña escolar de iniciación á patinaxe sobre xeo, organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa empresa XADE. En total, participaron nesta exitosa actividade 800 rapaces, procedentes de 17 centros educativos.

Esta campaña estaba destinada aos centros educativos, dende o 3º ciclo de primaria ata 4º de secundaria, e realizouse no recinto feiral de Amio, do 10 ao 22 de xaneiro. Os alumnos aprenderon a patinar durante as mañás, de luns a venres, en tres quendas distintas, todas elas completas cada día.

Nas sesións traballaron diferentes contidos prácticos orientados á patinaxe sobre xeo: exercicios de equilibrio e deslizamento, exercicios da técnica básica de patinaxe, etc. As clases foron impartidas por persoal técnico da pista de xeo e contouse coa asistencia da Cruz Vermella.

Os centros participantes foron: IES Lamas de Abade, IES A Pontepedriña, IES Xelmirez I, IES Eduardo Pondal, IES Xelmírez II, IES Sar, IES Antón Fraguas, Colexio Peleteiro, Colexio A Milagrosa, Colexio Nosa Señora dos Remedios, CEIP Vite, CEIP Apóstolo Santiago, CEIP López Ferreiro, CEIP Quiroga Palacios e CEIP Roxos, así como dous centros de educación especial, o CEE Xordos e o CEE Pedroso.

Compartir: