CULTURA

O cego é o que ve en "Misericordia", por Teatro de Ningures

23/01/2008 A compañía Teatro de Ningures trae ao Principal a súa nova montaxe, Misericordia, de Benito Pérez Galdós. Partindo da obra orixinal, esta adaptación traslada ao espectador ata Compostela, en troques de a Madrid, e lévao de viaxe polos estratos máis baixos da sociedade. Será o xoves 24 e o venres 25, ás 21:00 horas.

Etelvino Vázquez dirixe esta versión "moi contemporánea", que incide na "picaresca" a través das clases sociais máis desfavorecidas. "Esta é unha obra na que o cego é o que ve", apunta Marián Bañobre, unha das actrices. Este moro cego, chamado Almudena e a criada Benigna son os protagonistas, encargados de representar a exaltación da caridade, xa que se dedican a pedir polas rúas para poder manter á súa señora.

A obra retrata unha fidalguía vida a menos dende algúns séculos antes e empeñada en vivir da aparencia e de lembranzas de grandeza, e unha nacente burguesía comercial inculta e insolidaria. Todo isto está impregnado dunha crítica aceda a un xeito de relixiosidade omnipresente que é quen de bendicir e santificar a hipocresía e a dobre moral.

Na versión teatral para Teatro de Ningures prima a fidelidade ao espírito da obra orixinal de Perez Galdós, mais procurando, dende a súa contemporaneidade, achegala á realidade social do noso país do noso tempo. A variedade e a riqueza das linguaxes, o achegamento ás tradicións, o carácter dos personaxes e da localización (Compostela, como cidade galega-universal) e a retranca dos diálogos e situacións, fan de Misericordia un texto teatral para identificar a nosa realidade.

Na rolda de prensa de presentación da obra, acompañaron ao concelleiro de Cultura, Néstor Rego, Casilda García, Marian Bañobre e Santiago Cortegoso, actrices e actor na obra.

Documentos relacionados



Compartir: