DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL

Esgotadas as prazas para os Cursos de Condución Eficiente

21/01/2008 Os condutores composteláns responderon con prontitude á convocatoria dos Cursos de Condución Eficiente e xa esgotaron as prazas dispoñibles. Estas sesións impartiranse do 11 ao 13 de febreiro e teñen como obxectivo buscar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución.

No curso, monitores expertos explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. Os alumnos poderán comparar a influencia das técnicas de condución no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica. A duración das sesións é de aproximadamente dúas horas, nas que o alumnos poderá comprobar os resultados dunha quenda coa súa condución normal cos doutra nas que aplique as técnicas de condución eficiente.

Os participantes, ata un máximo de catro por vehículo, disporán dun vehículo con medidor de consumo. Todos realizarán roldas de condución. O percorrido empregado, que partirá das inmediacións do Centro Sociocultural do Ensanche, contará coa maior parte dos elementos representativos da circulación: cruzamentos, rotondas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e en baixada, etc.

A concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel desenvolve esta actividade en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Compartir: