TURISMO

A cociñeira Carme Ruscalleda inaugurará o Fórum Gastronómico Santiago’08

18/01/2008 A sesión inaugural do Fórum Gastronómico Santiago’08 contará coa participación da prestixiosa cociñeira Carme Ruscalleda. Responsable do restaurante Sant Pau en Sant Pol de Mar (Barcelona), Ruscalleda protagonizou unha fulgurante carreira ao longo dos últimos vinte anos que a levou a obter tres estrelas Michelin polo seu establecemento catalán e dous polo seu restaurante de Tokio.

O traballo constante e a disciplina son dous dos trazos que mellor definen a esta catalá, que conseguiu a admiración e o respecto de todo o sector. Actualmente Ruscalleda é unha das profesionais da cociña máis respectadas non só en España, senón tamén no estranxeiro, grazas ao seu innovador restaurante de Tokio. Cuarta muller de todo o mundo en conseguir as tres estrelas Michelin, o seu Relais & Chateaux é xa punto de peregrinaxe obrigada para gourmets e amantes da boa cociña.

A sesión de Carme Ruscalleda dará paso a un extenso programa que reunirá en Compostela aos mellores cociñeiros do mundo, que amosarán todos os seus segredos en directo. Entre o 16 e o 20 de febreiro reuniranse en Santiago máis de trinta estrelas Michelin: René Redzepi (Noma Resturant, Copenhague); Patrick Jeffroy (L’Hotel de Carantec, Carantec); Carme Ruscalleda (Sant Pau, Sant Pol de Mar); Fausto Airoldi e Paulo Pinto (Pragma, Lisboa / Restaurante Belvedere, Cascais); Nandu Jubany (Can Jubany, Calldetenes); Vitor Sobral (Restaurante Terreiro do Paço, Lisboa); Roberta Sudbrack (Roberta Sudbrack, Rio de Janeiro); Alexandre Gauthier (Auberge de la Grenouillère, La Madeleine –sous-Mer); Paul Cunningham (The Paul Restaurant, Copenhague) o Seiji Yamamoto (Nihonryori Ryugin, Tokyo), entre outros. A eles uniranse os máis prestixiosos cociñeiros galegos, adscritos ao chamado Grupo Nove: Pepe Solla (Restaurante Solla, Pontevedra); Xosé Cannas (Restaurante Pepe Vieira, Sanxenxo); Xoán Cannas (Restaurante Pepe Vieira, Sanxenxo) o Marcelo Tejedor (Casa Marcelo, Santiago de Compostela), entre outros.

Compartir: