CULTURA

Ditea representa no Principal a derradeira función de "Melocotón en xarope"

18/01/2008 O grupo de teatro afeccionado máis antigo de Galicia despide a montaxe coa que leva dous anos e medio de xira e máis de trinta funcións. O pano do Teatro Principal poralle o punto final a Melocotón en xarope, a tradución da obra de Miguel Mihura coa que Ditea celebra o seu cincuentenario. Será o sábado 19 ás 21:00 horas.

Esta é a primeira das actividades que esta asociación cultural puxo a andar para conmemorar o seu case medio século de existencia: Melocotón en almíbar, aínda sen traducir do castelán, fora a primeira obra que unha Dítea, acabada de fundar no 1960 polo dramaturgo Agustín Magán, puxera sobre as táboas.

Levan dous anos cun axitado calendario de funcións: esta comedia de enredo, dividida en dous actos e un prólogo, está ambientada en Madrid no 1958. Unha banda de atracadores integrada polos "capós" Duque (Xaquín Lorenzo) e Carlos (Alberte Álvarez), o "matón", Fede (Antón Ramos), o "neno", Cosme (Ramón Valiño), e o "gancho", Nuria (Lara Rozados) vén de dar o golpe perfecto nunha xoiaría de Burgos. Chegan ao ático que teñen alugado e agochan o botín nunha maceta. O plan non ten fallo ningún, ata que se teñen que enfrontar cunha veciña entremetida, Dona Pilar (Lucrecia Carril) e unha monxa con dotes detectivescas, Sor María (Martina Martínez).

Dirixida por Xan Casas, a obra pasou, ao longo dos últimos dous anos, por escenarios de toda a xeografía galega. En Compostela foi xa representada durante o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado do 2005, no Salón Teatro. Non moi lonxe, representará por última vez a montaxe. As entradas, ao prezo único de 5 euros, están á venda dende a véspera no despacho de billetes do Teatro.

Cincuenta anos de amor polo teatro
A montaxe foi presentada no Concello. Alí, algúns dos integrantes de Ditea lembraron que a compañía, nada en 1960, é o grupo de teatro afeccionado en activo máis antigo de Galicia e, xunto con Els Comediants, de España. Fíxose famosa polos actos sacramentais representados na praza da Quintana na noite do Corpus, e xa cara aos 70 comezou a pór en escena montaxes máis vangardistas (Fernando Arrabal, Edward Albee, Luigi Pirandello...)

Xa entrados na década dos 70 deciden representar exclusivamente en galego: Aquilino Iglesia Alvariño, Antón Vilar Ponte, ou as traducións que Magán facía de autores como Gil Vicente, Sean O'Casey, ou William Butler Yeats. No 96, o Concello outórgalle a Ditea a medalla de prata da cidade ao mérito cultural. Andaban a facer tamén teatro radiofónico, e Magán comezou a escribir as súas propias obras: A lenda, de Xan Bonome, Farsa plautina, ou a derradeira, A pousada de Petra Cotón, que foi representada xa despois da morte do autor.

Para celebrar o cincuentenario, teñen en marcha outros plans, como a posibilidade de editar algún material bibliográfico e a realización dun documental, dirixido por Marcos Estebo, co apoio da produtora T.H. Combina as escenas cotiás do grupo con entrevistas aos membros e unha ollada cara ao pasado. Co título Tras o pano, quere presentar precisamente o traballo que o público non ve.

Compartir: