UMAD

O Colexio de Avogados premia á UMAD polo seu labor en prol da reinserción social dos drogodependentes

17/01/2008 A Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente, organismo que pertence á Concellaría de Benestar Social e Muller, será galardoada mañá coa medalla de ouro do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. Esta institución considera que a UMAD se fai merecedora do premio polo traballo que vén realizando dende a súa creación, en 1.986, no campo da rehabilitación e atención a persoas con problemas derivados do uso, o abuso e a dependencia das drogas.

A Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, celebrada o pasado día 25 de novembro de 2007, decidiu por unanimidade dos seus membros outorgar a medalla de ouro do Colexio no apartado de non colexiados á UMAD. O organismo considera que "é merecedora desta distinción polo seu labor en prol da rehabilitación e reinserción social daqueles que por circunstancias da vida caeron na lacra da drogodependencia".

O Colexio salienta así mesmo que "sen institucións como a UMAD, e sen profesionais como os que a forman, a sociedade sería debedora con aquelas persoas que necesitan este tipo de axuda". A medalla quere recoñecer tamén "a estreita relación que mantiveron e manteñen os traballadores da UMAD cos avogados durante o seguimento dos procedementos penais, no convencemento uns e outros do fundamental da rehabilitación e das medidas, ben na vía penal, ben noutras, que a fomenten".

O galardón será recollido pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, no acto de entrega que terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca o venres 18 de xaneiro, ás 19:00 horas, e no transcurso da celebración da festividade colexial de San Raimundo de Peñafort.

A UMAD comezou a funcionar o 1 de outubro de 1.986 cun claro obxectivo: ofrecerlle á cidadanía información e formación sobre o consumo de drogas e as súas consecuencias físicas, psíquicas e sociais. No Centro, dependente do Concello de Santiago e situado en Salgueiriños, ofrécese tratamento para persoas con dependencia a algunha substancia e elabóranse programas formativos e de concienciación sobre o perigo das drogas que se imparten nos centros de ensino da cidade.

Compartir: