CULTURA

A Zona C acolle a última mostra do artista compostelán Santi Jiménez

16/01/2008 Albergues transitorios é o título da mostra do compostelán Santi Jiménez que a Zona C acollerá ata o 24 de febreiro. Na exposición exhíbense debuxos en gran formato realizados sobre a parede con spray e grafito, provocando un contraste entre a poética da liña e a rotundidade da técnica utilizada.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o propio artista asistiron á inauguración da exposición na Zona C, en San Domingos de Bonaval. O nome da mostra, Albergues transitorios remite á denominación que se lle dá en Arxentina aos moteis. Nesta proposta simbolizan os espazos simbólicos de encontro e desencontro entre os seres humanos.

Santi Jiménez naceu en Santiago en 1979 e é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo na especialidade de escultura. Ten realizado exposicións individuais e colectivas, entre as que destacan Sin la menor idea, no espazo "In Situ", da Fundación Eugenio Granell, e El ladrón de atardeceres, na Galería Espacio 48, tamén en Compostela. Tamén ten exhibido en Ourense e Porto (Portugal).

Compartir: