FESTAS

Aberto o prazo de inscrición no desfile de Antroido

16/01/2008 O martes 5 de febreiro celebrarase o tradicional desfile das carrozas e comparsas do Antroido 2008, no que poderán participar libremente todos aqueles que o desexen. Este ano repartiranse 12.200 euros en premios nas categorías de carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual.

As mellores carrozas e comparsas recibirán cadanseu premio de 2.000 euros. O mellor grupo caracterizado recibirá un agasallo de 400 euros, mentres que a parella e o disfrace individual máis destacados levarán 300 e 150 euros, respectivamente. Haberá máis premios para os primeiros clasificados en cada categoría.

A participación queda aberta a tódalas asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. As carrozas, comparsas e demais participantes farán a súa presentación diante da Estación do Ferrocarril, a partires das 16:00 horas do día 5 de febreiro. O itinerario do desfile, que comeza ás 17:30 horas, será o seguinte: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e Xoán Carlos I.

A decisión do Xurado darase a coñecer ó remate do desfile, no Paseo Central da Alameda. O Xurado valorará o deseño e creatividade das carrozas, os disfraces e a caracterización dos seus compoñentes.

A inscrición para todos estes concursos formalizarase na Concellaría de Festas, situada no Teatro Principal (Rúa Nova, 21), ata as 14:00 horas do día 4 de febreiro. Teléfono: 981 542 347. Fax: 981 542 348.

As carrozas terán como máximo 2,50 metros de ancho e 4,20 metros de alto. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

Compartir: