DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL

Tempo para aprender a conducir dun modo eficiente

16/01/2008 Os condutores composteláns terán a oportunidade de aprender a aforrar combustible grazas aos Cursos de Condución Eficiente. Celebraranse do 11 ao 13 de febreiro e teñen como obxectivo buscar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución.

A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, presentou esta iniciativa, desenvolvida en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Trátase, segundo dixo, de "promover actuacións no transporte cara un desenvolvemento sustentable".

Así se pronunciou igualmente o director do INEGA, Xoán Ramón Doldán, para quen é necesario "procurar un transporte privado menos contaminante e menos despilfarrador de enerxía. Nesta liña van os máis de 800 cursos de condución eficiente que se realizarán en Galicia en 2008 ou a promoción dos vehículos híbridos. Tamén a responsable destes cursos no CEIDA, Verónica Campos, aposta por un "novo modelo de transporte máis sustentable", para o cal apelou á "responsabilidade cidadá".

Aforro de ata o 15%
A condución eficiente consiste en aplicar unha serie de técnicas para reducir o consumo de combustible e a contaminación medioambiental. Ademais, preténdese aumentar a seguridade vial e o confort a bordo. Segundo datos do Instituto para la Diversificación e Ahorro de Energía (IDAE), os españois aforrarían un 15% anual en combustible cunha condución máis económica e sen diminuír a velocidade media.

No curso, monitores expertos explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. Os alumnos poderán comparar a influencia das técnicas de condución no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica. A duración das sesións é de aproximadamente dúas horas, nas que o alumnos poderá comprobar os resultados dunha quenda coa súa condución normal cos doutra nas que aplique as técnicas de condución eficiente.

Os participantes, ata un máximo de catro por vehículo, disporán dun vehículo con medidor de consumo. Todos realizarán roldas de condución. O percorrido empregado, que partirá das inmediacións do Centro Sociocultural do Ensanche, contará coa maior parte dos elementos representativos da circulación: cruzamentos, rotondas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e en baixada, etc. É nestas circunstancias nas que unha ou outra técnica achegan diferenzas en consumo. Cada asistente recibirá un Manual de condución eficiente e un diploma acreditativo da participación.

O curso é de balde. O único requisito para asistir é dispor do carné de conducir tipo B e ser condutor habitual. Os alumnos deberán achegar orixinal e fotocopia do carné de conducir. A inscrición farase a través do teléfono 981 543 147. As prazas son limitadas e reservaranse por orde de chamada ao devandito número.

Compartir: