CULTURA

Teatro do Noroeste estrea "Extrarradios"

15/01/2008 A nova montaxe de Teatro do Noroeste estréase no Principal. Luma Gómez e Victoria Pérez Varela protagonizan "Extrarradios (comedia das mulleres desamparadas), un casual encontro entre dúas mulleres singulares. A estrea, de balde con invitación, será o mércores 16, aínda que tamén haberá representacións durante dous días máis.

"Extrarradios" é, segundo a definición da propia compañía, "unha comedia urbana, aínda que marxinal, sobre o frutífero encontro entre unha mendiga chegada ao punto de maior degradación e unha prostituta de estrada, que disputan o seu espazo vital, a parada abandonada do bus 108". "Son dúas mulleres que viven no extrarradio de todo: da cidade, vital e social", di Luma Gómez, para quen a obra ten "elementos para conmover ao público".

Da mesma opinión é o autor e director, Eduardo Alonso, ao apuntar que se trata dunha "comedia dirixida á intelixencia do espectador". O dramaturgo está satisfeito do resultado deste traballo "máis íntimo", despois de dous anos con montaxes de elencos máis amplos. Nesta ocasión son só dúas as actrices, que con esta obra intentarán transmitir ao espectador "o ben que o pasamos facéndoa", sinala unha delas, Victoria Pérez.

Compartir: