DEPORTES E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Compostela únese a unha campaña de promoción do ciclismo

15/01/2008 O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, inaugurou no Centro Sociocultural de Vite a exposición fotográfica "120 anos de ciclismo en Galicia", enmarcada dentro da campaña "Ciclismo no meu concello", organizada pola Fundación Ciclismo Galego. A iniciativa completarase cunha proba ciclista para nenos a finais de febreiro.

A exposición é unha montaxe de 20 paneis con máis de 50 fotografías, informadas con textos breves. Neles recóllese a longa historia do ciclismo galego, dende a primeira competición deportiva na nosa comunidade ata o triunfo de Óscar Pereiro no Tour de Francia 2006. Tamén se inclúe unha reportaxe audiovisual de 14 minutos cunha achega virtual á mostra. Estará en Vite ata o 24 de xaneiro.

"120 anos de ciclismo en Galicia" está a percorrer a xeografía galega tras ser presentada con motivo da saída da Volta a España dende Vigo e acompañar á rolda ciclista en varias etapas. Acompañaron ao concelleiro na inauguración o xerente do Karpin Galicia, Rodrigo Costas; os directores deportivos Xesús Blanco Villar e José Ángel Vidal, e o director de Merlín Comunicación, Gustavo Adolfo Garrido.

Este programa de divulgación do ciclismo completarase en Compostela a finais do mes de febreiro, coa celebración dunha proba ciclista para nenos e nenas de 6 a 15 anos. Contará coa presenza de ciclistas do equipo profesional Karpin Galicia, aproveitando a súa paréntese invernal na competición, e de técnicos da Federación Galega de Ciclismo. Ao final da actividade sortearanse distintos agasallos entre os participantes.

Compartir: