ALCALDÍA

O presidente de Caixanova confírmalle ao alcalde a adquisición do edificio de El Pilar

15/01/2008 O antigo edificio de El Pilar terá un uso sociocultural, con auditorio incluído. Así será trala adquisición deste inmoble por Caixanova, tal como llo confirmou o presidente da entidade bancaria, Julio Fernández Gayoso, ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, nunha reunión mantida en Raxoi.

Fernández Gayoso informou ao alcalde sobre os plans de Caixanova para Compostela, que xa adquirira o antigo edificio do Banco Gallego, en Cervantes, e que agora comprou o inmoble do Preguntoiro. En concreto, este último será acondicionado para incorporar un auditorio, mentres que primeiro dedicarase a centro social.

Sánchez Bugallo felicitouse por esta "proposta de extraordinario interese para Santiago". Grazas ao mesmo recuperaranse dous edificios emblemáticos e enriquecerase aínda máis a oferta cultural, social e de servizos de Compostela. O alcalde anunciou que a principios de febreiro Caixanova presentará o seu proxecto para estes dous edificios, co obxectivo de que a finais de primavera se poidan comezar as obras.

Pola súa parte, Fernández Gayoso explicou que o edificio de El Pilar acollerá un "auditorio polivalente", mentres que para o inmoble de Cervantes quedará o centro social, no que se integrará distintas iniciativas en materia de integración, medio ambiente ou novas tecnoloxías, entre outras. Ademais, alí estará tamén a Escola de Negocios e Administracións Públicas de Caixanova.

En total son case 5.000 metros cadrados para o uso social e cultural, no que para Gayoso é "unha aposta de primeira envergadura e modernidade" de Caixanova por Santiago. Para levar a cabo o proxecto –apuntou Bugallo- será necesaria unha modificación puntual do Plan Especial do Casco Histórico, que lle daba ao edificio do Preguntoiro outro uso distinto ao agora previsto.

Compartir: