TURISMO

O Forum Gastronómico Santiago 08 busca a mellor pulpería galega

14/01/2008 Co obxectivo incentivar e premiar os coñecementos e habilidades das pulpeiras e pulpeiros profesionais de Galicia na elaboración e servizo do Polbo á Feira, Forum Gastronómico e INCOLSA convocan o I Concurso de Pulpeiras Fórum Gastronómico Santiago. O certame é un dos actos previstos dentro do programa de actividades do evento, que se celebrará en Compostela do 16 ao 20 de febreiro.

O concurso está aberto a todos aqueles e aquelas profesionais especializados na cocción e o servizo de polbo e que desenvolvan a súa actividade en feiras e mercados de Galicia. A inscrición para participar no I Concurso de Pulpeiras permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro. Os interesados poderán formalizar a súa solicitude enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao número de fax 93 889 4304, ao e-mail produccio@forumgastronomic.com, ou ben, poñéndose en contacto coa organización. O número de participantes será dun máximo de 10 e rexerase por rigorosa orde de inscrición.

O xurado, formado por prestixiosos cociñeiros, gastrónomos e personaxes da cultura en Galicia, valorará o sabor, a textura, o punto de cocción, o aderezo e o corte e presentación do polbo. O gañador do certame recibirá un premio de 1.000 euros e un diploma acreditativo, que recollerá na cerimonia de entrega de premios que se celebrará dentro do programa de actos organizados no Fórum Gastronómico Santiago’08. O segundo e terceiro premio recibirán 800 euros e 600 euros, respectivamente, e un diploma acreditativo do concurso.

Compartir: