URBANISMO

A cidade abrirase cara o norte con case 2.200 novas vivendas na Pulleira

11/01/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que Xunta de Goberno do luns 14 aprobará inicialmente o Plan parcial residencial do SUD-4 da Pulleira, onde se construirán 2.181 viviendas. Trátase dun auténtico novo barrio no norte da cidade no que, segundo as previsións municipais, vivirán en torno a 6.500 persoas.

En palabras de Bugallo, este novo espazo residencial é un "salto cara o norte" e é a primeira actuación do novo Plan Xeral. "Ata agora, os polígonos desenvolvidos no anterior Plan serviron para ir completando a cidade, pero este é un espazo novo", engadiu. Da dimensión desta intervención da conta que se se trate dun espazo de case 29,5 hectáreas, mentres que o actual Ensanche compostelán ten 32.

A superficie total edificable é de 258.057 metros cadrados, dos que 180.470 (70%) se destinarán a vivendas. O restante 30% repártese a partes iguais (38.709 metros cadrados) entre a superficie comercial e a destinada a oficinas. Así o indicou Daniel González, coordinador do equipo da empresa Idom redactor da proposta, quen apuntou que tamén se dedicarán 86.670 metros cadrados a espazos libres e 26.534 a equipamentos.

Esta intervención resolve os problemas de ruído inherentes ás estrada da Coruña e á avenida de Asturias, e tamén os impactos visuais do polígono do Tambre ou do recinto feiral de Amio. Por contra, aproveita as vantaxes ambientais da zona. De feito, un dos aspectos propostos máis novidosos é a construción dun lago que, ademais do seu impacto paisaxístico, permitiría depurar parcialmente as augas de escorrentía da zona.

Outro dato singular é aposta por tres puntos de encontro nos que se concentrará a actividade social do novo barrio. Cada un destes puntos caracterízase por unha arquitectura singular e por ter unha praza e equipamentos. Tamén especialmente coidado foi o tema do aparcadoiro, con 7.304 prazas previstas, 1.298 de dominio público e 6.006 privadas.

A propósito destas e doutras singularidades, o alcalde destacou o "moderno deseño" desta actuación, que inicialmente terá edificios de 3, 5, 6 e 7 plantas, se ben non se descarta que finalmente se poida chegar ás 8 ou 9 para mellorar o impacto visual do conxunto. A estes edificios haberá que sumar as 47 vivendas unifamiliares, con espazo verde propio, que se destinarán ao realoxo de todas as familias afectadas pola expropiación.

48 millóns de euros para urbanización e expropiacións
O orzamento previsto para as obras de urbanización e para a expropiación é de 48 millóns de euros, se ben o alcalde indicou que o investimento total nesta actuación será duns 300 millóns de euros.

En canto ao calendario previsto, Sánchez Bugallo estima que este Plan Parcial poida estar aprobado definitivamente en setembro. Paralelamente prepararase o proxecto de urbanización, para que esta listo a finais de 2008 e así empezar as expropiacións no primeiro semestre de 2009. O obxectivo final é que se saquen a licitación no verán dese mesmo ano.

PXOM
O alcalde aproveitou a rolda de prensa para recordar que está previsto que o equipo redactor teña completado en marzo o expediente coas modificacións e xustificacións documentais solicitadas por Política Territorial. Nese mes manteranse novas reunións coa Consellería e en abril podería presentarse xa a proposta de Plan cos cambios oportunos.

Compartir: