CONSORCIO

O Consorcio inicia o deseño do Sistema de Información Patrimonial

10/01/2008 O deseño do Sistema de Información Patrimonial que se aplicará á Cidade Histórica de Santiago xa está en marcha. Ademais, grupos de técnicos, ao servizo do Consorcio, visitarán as vivendas e locais coa finalidade de actualizar a información física e urbanística da Cidade Histórica de Santiago.

O Consorcio de Santiago iniciou os traballos para o deseño do que será un pioneiro Sistema de Información Patrimonial (SIP). A aplicación desta ferramenta supón, en palabras do alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, "un salto cara adiante" nunha cidade como Santiago "de referencia e modélica neste ámbito", posto que xa ten dende 2004 un total de 2.600 edificios do Casco Histórico catalogados".

Indicou que "agora vaise poder ver que pasou nos edificios ao longo de todos estes anos", xa que se contrastará a información dispoñible deste ano coa actual e a través de novos elementos tecnolóxicos. Todo isto co obxectivo de "dispor de información actualizada e completa de cada un dos elementos patrimoniais da Cidade Histórica", apuntou Bugallo.

O obxectivo deste sistema de información é triple, segundo o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva: mellorar a eficacia da xestión da Cidade Histórica, axilizar as intervencións neste ámbito e mellorar o coñecemento histórico de Compostela. O custo total deste proxecto é de 3,3 millóns de euros, distribuídos en tres anualidades, do 2008 ao 2010.

En tres fases
Para a realización do proxecto, e de cara á súa funcionalidade, establécense tres fases sucesivas de 12 meses cada unha. Na primeira, durante 2008, créase o Sistema de Información Patrimonial sobre a cidade de Santiago. Levarase a cabo a carga de toda a documentación histórica e arqueolóxica documental ou gráfica dispoñible desde o ano 2000. A difusión de contidos será a través de Intranet, podendo acceder por liña de conexión informática de datos de alta velocidade ao Plan Especial do Concello (ASC).

A segunda fase desenvolverase en 2009. Procederase á continuación das funcionalidades non rematadas na fase anterior e realizarase un inventario e carga de elementos patrimoniais en interiores de monumentos, igrexas, pazos, levantamentos arqueolóxicos en superficie, etc. Nesta fase, a difusión de contidos será plena tanto en Internet como Intranet, integrándose plenamente co ASC.

A última fase permitirá facer reconstrucións en 3D de interiores de monumentos ou de calquera elemento patrimonial, podéndose realizar saídas multimedia coa xestión dos datos cargados no SIP.

Base de datos con información xeográfica
Un SIP funciona como unha base de datos con información xeográfica (datos alfanuméricos) que se atopa asociada por un identificador común aos obxectos gráficos dun mapa dixital. Desta forma, sinalando un obxecto coñécense os atributos e, inversamente, preguntando por un rexistro da base de datos pódese saber a súa localización na cartografía.

A razón fundamental para utilizar un SIP é a xestión de información espacial. O sistema permite separar a información en diferentes capas temáticas, almacenándoas independentemente, e permitindo traballar con elas de maneira rápida e sinxela.

Este Sistema de Información Patrimonial desenvólvese mediante un convenio de colaboración co Centro Nacional de Información Xeográfica, dependente do Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento, e co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), polo que respecta ao seu deseño; co Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) da Xunta, polo que respecta á xestión e soporte técnico; e co Concello, aos efectos da configuración de datos e explotación. Esta ferramenta é pioneira e desenvólvese a partir de Compostela, pero logo será exportable para outras cidades e contornos urbanos.

Así, e xunto coa información derivada do Plan Especial e da cartografía dixitalizada do Centro Histórico realizada durante o ano 2007, Santiago disporá dun sistema de Información Patrimonial, que estará relacionado coa infraestrutura de datos espaciais (IDE) do Concello de Santiago.

Neste sentido, as actuacións do Consorcio pretenden responder a unha visión permanentemente actualizada da evolución da cidade, para o que, como instrumento de xestión –e non só como elemento de coñecemento teórico-, faise preciso dispoñer dun Observatorio Urbano, que se vai nutrir fundamentalmente da información subministrada polo SIP.

Compartir: