CULTURA

O pianista Eldar Nebolsin actúa no Auditorio de Galicia xunto á Real Filharmonía

09/01/2008 O recoñecido pianista Eldar Nebolsin acompaña á Real Filharmonía de Galicia para interpretar o Concerto para piano número 2 de Camille Saint-Säens. Será o xoves 10 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Baixo a batuta do compostelán Maximino Zumalave, a Real Filharmonía tamén interpretará a estrea absoluta da peza Tropos, do compositor galego Fernando Buide del Real, na que o autor apunta cara vellos procedementos compositivos, froito do seu gusto pola música medieval. O programa complétase coa Sinfonía Patética de Tchaikovsky.

O xoven Buide del Real (Santiago, 1980) está a completar os seus estudos musicais nos Estados Unidos, e as súas composicións foron programadas por orquestras de primeiro nivel, como a Sinfónica de Pittsburgh ou a Carnegie Mellon Philarmonic. Recentemente obtivo o premio Harry Archer de composición orquestral.

Recoñecido pianista
Eldar Nebolsin, coñecido polo público asiduo ao Auditorio de Galicia, tense colocado nos primeiros postos entre os pianistas europeos actuais. Destaca no último ano as súas gravacións de tódolos Preludios de Rachmaninov. Gañador de numerosos premios (Santander, 1992, con 18 anos ; Moscova-Premio Sviatoslav Richter, 2005) o seu repertorio abarca tamén colaboracións en música de cámara.

Compartir: