TURISMO

Santiago é a segunda cidade con maior crecemento turístico en España

09/01/2008 O último informe da Alianza para la Excelencia Turística, Exceltur, sitúa á capital galega como o segundo destino urbano español en crecemento turístico no terceiro trimestre do 2007, só por detrás de Valencia. As pernoctacións hoteleiras dese período en Santiago de Compostela medraron un 15,4% sobre o 2006, a só 4 décimas da capital do Turia.

O informe emitido por Exceltur, titulado "Perspectivas turísticas: balance del tercer trimestre de 2007 y tendencias para el cuarto trimestre y el cierre de 2007", toma datos do Instituto Nacional de Estadística. Así, establece que as pernoctacións hoteleiras urbanas rexistradas de xullo a setembro do 2007 en Santiago de Compostela creceron un 15,4% sobre o mesmo período do 2006, a pouca distancia do primeiro lugar, que ocupa Valencia cun 15,8%.

As seguintes cidades clasificadas son Córdoba (15,1%), Málaga (13,7%), Alicante (10,2%), Granada (10,2%) e Madrid (8,7%). Compostela é ademais a única cidade do norte da Península que entra no cadro de honor, pois Zaragoza (8,1%) figura no posto número 8, Barcelona no 12 (4,1%), Pamplona (3,3%) no 13 e A Coruña no 14 (2,7%).

Efecto da diversificación turística e do baixo custe
De acordo co informe, nos nove primeiros meses do 2007 o acumulado de pernoctacións en hoteis urbanos españois ascendía a 50 millóns, un 4,2% máis que no mesmo período do 2006.

O maior factor diferenciador na península serían as pernoctacións de turistas estranxeiros, que subiron un 73,5%, un comportamento atribuíble en cidades coma Santiago "ao potencial do segmento de viaxes de city-break e ao vitalismo do segmento de reunións, incentivos, congresos e eventos", así como "ao continuo incremento de conexións e frecuencias dos voos domésticos e voos entre cidades españolas e europeas protagonizado polas aeroliñas de baixo custe’.

Para o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, "trátase da certificación de que o excelente comportamento do turismo na nosa cidade é produto dun traballo continuo na mellora das comunicacións aéreas, da capacidade hoteleira e da diversificación de produtos turísticos, porque 2007 non foi un Ano Santo nin celebrou eventos extraordinarios".

A Área de Estudios e Investigaciones de Exceltur elabora este informe cada trimestre co apoio das 1.300 unidades de negocio que contestan ao seu cuestionario de Clima Turístico Empresarial, ademais de diversas asociacións de hostalería, restauración e liñas aéreas. Os resultados contan co aval do Instituto de Estudios Turísticos, o Instituto Nacional de Estadística e o Banco de España.

Compartir: