CULTURA

A literatura europea, en galego e baixo o nome de Compostela

08/01/2008 Publícanse tres novos títulos da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, colección nada da colaboración entre a Concellaría de Cultura e a Editorial Galaxia. Deste xeito chégase aos nove títulos, que inclúen, entre as novidades recentemente chegadas ás librarías, a primeira novela do Premio Nobel 2006 Orhan Pamuk, as novas novelas de Andrea Camilleri e Bernhard Schlink e a segunda edición de Xuntos e máis nada, coa que Anna Gavalda obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago en 2005.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou estes novos títulos, que seguen a facilitar aos lectores galegos a posibilidade de ler "o mellor da narrativa contemporánea na súa propia lingua". A isto mesmo se referiu o director-xerente da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, resaltando que esta colección contribúe a "por en valor a literatura galega e a cultura galega" e a seguir abrindo "as portas dos mercados internacionais". Acompañounos o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema, que describiu as tres novidades.

Por primeira vez publícase en galego, de xeito sistemático, a obra dun Premio Nobel recente, ponde en mans dos lectores e lectoras galegos as súas obras anteriores ao tempo que se editan os títulos novos. Primeira e celebrada novela de Orhan Pamuk, O castelo branco desenvólvese na Italia do século XVI e conta a historia dun erudito que é capturado por piratas turcos. Nesta novela, Pamuk tece unha historia chea de intelixencia e sensibilidade, unha fábula inzada de aventuras que fai reflexionar sobre as relacións entre culturas.

Totalmente diferente no seu estilo e temática, pero tamén por primeira vez, sae en galego A pista de area, o novo caso do comisario Montalbano, o mítico personaxe do escritor siciliano Andrea Camilleri. A partir do estraño achado do cadáver dun cabalo, Montalbano inicia unha investigación que o vai poñer en contacto co luxoso mundo da alta sociedade. Con sentido do humor e sutileza literaria, Camilleri escribe unha divertida novela policial ao tempo que desvela o temor á chegada da vellez.

Simultaneamente á súa publicación no resto de Europa, a Biblioteca Compostela tira do prelo a nova novela de Bernhard Schlink, un dos actuais escritores alemáns de maior prestixio. O retorno é o relato dunha investigación subxugante en busca da verdade e en contra do silencio. Unha intriga relacionada coa historia dun prisioneiro de guerra alemán retido en Siberia e as inesperadas consecuencias da descuberta dun pasado descoñecido.

Despois da publicación de obras de Martín Amis, Andrea Camilleri, Kazuo Ishiguro (premio Novela Europea 2006 con Non me deixes nunca) e Jean-Philippe Toussaint (quen visitará Santiago a primeiros de febreiro), e logo da descuberta que supuxo a publicación de A medición do mundo, do alemán Daniel Kehlmann, anúnciase para 2008 Da beleza, de Zadie Smith (Premio Novela Europea 2007), a nova novela de Orhan Pamuk, O museo da inocencia, e o seu libro autobiográfico Istanbul.

Compartir: