ALCALDÍA

Compostela aspira a lograr en dous anos 8.400 afiliados máis á Seguridade Social

08/01/2008 Incrementar a afiliación á Seguridade Social en máis de 8.400 persoas, ata lograr os 67.200 afiliados cara 2009 é o obxectivo das políticas de emprego que a Consellería de Traballo aplicará en Santiago. Así o anunciou o seu titular, Ricardo Varela, na visita oficial que realizou ao Concello, onde foi recibido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A Consellería de Traballo destinará á cidade de Santiago de Compostela antes de que remate a lexislatura un orzamento que ascende aos 23,23 millóns de euros. Con eles preténdense incrementar a afiliación en máis de 8.400 persoas e incorporar preto de 4.300 mulleres máis ao mercado de traballo. Segundo comentou o conselleiro, a incorporación deste número de mulleres suporá o 51,5% de todo o crecemento, mentres que na actualidade representan o 43%.

Para o alcalde compostelán, as medidas presentadas son "necesarias e oportunas" e coinciden coa "prioridade" marcada dende o Concello en materia de creación de emprego. Nesa dirección, Sánchez Bugallo dixo estar "máis disposto que nunca a seguir traballando nos próximos anos" na diminución das cifras de paro.

Continuando coas cifras, Varela apuntou que este incremento da afiliación deberá ir acompañado dun descenso do paro rexistrado. O obxectivo é situalo en 4.550 parados, mentres que a redución da taxa de temporalidade no sector privado será entre o 25% e o 33%. Varela tamén manifestou a necesidade de mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo, unha tarefa que debe ser asumida tamén por parte dos empresarios e dos traballadores, destacou.

Evolución favorable nos dous últimos anos
Nos dous últimos anos na cidade de Santiago creáronse preto de 6.500 postos de traballo (6.463), o que supuxo un incremento do 11,8%. O paro rexistrado diminuíu un 9%, polo que hai 541 demandantes menos.

Por outra banda, as mulleres representaron o 55,5% da redución total de desemprego (300 desempregadas menos) e a xuventude de menos de 25 anos viu reducido o paro nun 12,5%. Este ano hai que sumar 6.600 traballadores cunha relación laboral estable. Por outra banda, os contratos indefinidos acumulados no que vai de ano incrementáronse un 54,3%.

Varela explicou que do total do presuposto, investiranse 15,5 millóns de euros en políticas activas de emprego ata 2009, como os programas mixtos de formación-emprego, os incentivos á contratación, as axudas á integración laboral e ao autoemprego e o emprendemento. Á formación e ás medidas de orientación de traballadores destinarase unha contía de 3,2 millóns de euros en 2008, coa finalidade de formar a máis de 2.000 persoas, das que preto de 1.100 serán mulleres. Ao capítulo de prevención de riscos laborais, o conselleiro aclarou que o departamento que dirixe investirá preto de 481.000 euros no presente exercicio.

Así, a Consellería de Traballo aportará máis de 11 millóns de euros en 2008 (11,081 millóns), o que supón un incremento medio dun 14,33%, respecto de 2007.

Documentos relacionados



Compartir: