MEDIO AMBIENTE

O Concello recollerá as árbores de Nadal para a súa recuperación

07/01/2008 A partires do martes día 8 de xaneiro e mentres se manteña a demanda cidadá, a Concellaría de Medio Ambiente realizará a recollida das árbores de Nadal que poidan ser recuperadas.

As persoas que desexen facer entrega de árbores, para a súa posterior replantación, poden chamar ao teléfono do Departamento de Medio Ambiente, 981 543 147, en horario de mañá, ou ao de Protección Civil, 981 543 105, polas tardes de 18:00 a 20:00 horas.

O obxectivo da Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel é salvagardar a integridade do maior número de plantas. Nun primeiro momento as árbores serán trasladadas ao viveiro municipal para a súa aclimatación, xa que proceden dun ambiente moi agresivo para elas como son as vivendas con calefacción. Unha vez recuperadas serán replantadas en espazos públicos ou ben conservadas no propio viveiro para poder ser usadas novamente no próximo Nadal.

En todo caso a Concellaría de Medio Ambiente lembra que a cidadanía, para colaborar na conservación destas árbores, tamén ten a posibilidade de mantelas vivas nos seus predios ou fincas particulares ou mesmo nos espazos exteriores das vivendas, ate o próximo Nadal.

A Concellaría de Medio Ambiente agradece a colaboración da empresa Noyamóvil (concesionario de Citroën) nesta campaña, xa que cede unha furgoneta para a recollida destas árbores.

Compartir: