XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba axudas para a rehabilitación de 52 vivendas por 385.000 euros

07/01/2008 A Xunta de Goberno local aprobou definitivamente a concesión e o pagamento de axudas á rehabilitación para un total de 52 vivendas do Casco Histórico. A cantidade achegada será de 385.510 euros.

Do total desta cantidade, 165.769 euros son aportados pola Xunta en virtude do convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e o Concello en materia de actuacións na área de rehabilitación do Casco Histórico, asinado o 9 de marzo de 2007). O resto, 219.741 euros correspóndenlle ao Ministerio de Vivenda.

Estas axudas afectarán á rehabilitación de vivendas nas seguintes rúas e prazas: corredoira das Fraguas, San Lourenzo, San Pedro, Mazarelos, travesa do Carme de Abaixo, Rúa Nova, Algalia de Arriba, Costa Vella, Truques, San Francisco, Patio de Madres, Costiña do Monte, Caldeirería, Carretas, Costa Nova de Abaixo, costa do Veedor, Algalia de Arriba, Hortas, Pexigo de Abaixo, ruela das Fontiñas, Cervantes, Cruceiro do Galo, Castrón D’Ouro, Carreira do Conde, Campo da Estrela, Toural, Matadoiro, ruela das Chufas, Altamira, Hospitaliño e Rúa Travesa.

Foro polo civismo
Por outra parte, tamén se aprobou a creación do Foro polo Civismo, que convida aos representantes dos diferentes ámbitos e sectores da cidade a ser voceiros das propostas municipais que se formulen para atallar as consecuencias derivadas do botellón. Esta iniciativa fora presentada polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, na súa rolda de prensa do venres 4 de xaneiro.

Aforro enerxético
Finalmente, a Xunta de Goberno aceptou unha subvención de 11.957 euros, concedida polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), para un Proxecto de aforro enerxético nos semáforos nas interseccións da avenida Romero Donallo coa rúa do Hórreo e coa rotonda de Pontepedriña. A actuación consiste na substitución de luminarias de incandescencia por outras de leds.

Compartir: