FESTAS

Os Reis Magos repartiron caramelos e ilusións entre os nenos composteláns

05/01/2008 Un Nadal máis e malia a amenaza da choiva, as familias compostelás saíron á rúa para participar na tradicional Cabalgata de Reis. As súas Maxestades repartiron ilusión entre os máis novos, que os seguiron no seu multitudinario percorrido ata a praza do Obradoiro.

Como cada ano, os Reis Magos chegaron en tren a Compostela. Alí foron recibidos pola Corporación e pola Banda Municipal, para logo emprender un percorrido polas rúas. Dez carrozas e máis de 250 persoas participaron na Cabalgata, durante a cal os Reis e os seus paxes repartiron 3.000 quilos de caramelos sen glute, aptos para os celíacos. Acompañáronos varios escuadróns, cabezudos e a música da Banda de Cornetas e Tambores e dos bombeiros voluntarios de Portugal.

Chegados á praza do Obradoiro, os Reis dirixíronse ao pazo de Raxoi, onde foron recibidos polo alcalde. A continuación, o rei Melchor dirixiuse dende os balcóns aos nenos e nenas presentes na praza. Foi tempo logo para un espectáculo de luz, son e fogos de artificio, e para que os nenos pasasen polo Salón Nobre, onde as Maxestades de Oriente atenderon as súas peticións.

Compartir: