URBANISMO

Compostela estará presente na Conferencia Internacional de Cidades Vivas

04/01/2008 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, viaxará a Sevilla os días 9, 10 e 11 de xaneiro para representar a Santiago no Foro Cidade Viva que organiza a Dirección General de Arquitectura y Vivienda da Junta de Andalucía. O encontro enmárcase dentro da reunión anual da Rede do Coñecemento cara unha Cidade Sostible, formada por persoas e institucións vinculadas con proxectos de planeamento urbano en cidades de Europa, América Latina e o Mediterráneo.

A rede estará conectada co Foro Cidade Viva, un instrumento que funcionará como espazo común de reflexión, debate e intercambio de experiencias sobre o coñecemento e a xestión do modelo das nosas cidades e barrios. A través do foro, as cidades terán a oportunidade de compartir os seus recursos e impulsar proxectos de investigación para avanzar no estudo dos modelos de intervención urbana baseados na sostenibilidade socioecolóxica.

Fronte á política do neoliberalismo que promove crecementos urbanos especulativos e periféricos baseados nunha explotación dos recursos territoriais que non xera cidade e que ocasiona conflitos de mobilidade, accesibilidade e déficits en equipamentos e servizos, a conferencia de Sevilla postula a filosofía das cidades vivas. Esta visión defende o barrio como xerador de cidade onde: a calidade urbana, a integración social, a convivencia, a proximidade dos servizos e os equipamentos constitúen o elemento fundamental para construír unha cidade para os cidadáns e non para o mercado inmobiliario.

Precisamente no transcurso do último Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, celebrado en Rennes o pasado 17 de decembro, Santiago foi convidada a participar no programa URBACT II, un proxecto de cooperación europea en materia urbana enmarcado dentro dos fondos FEDER e destinado a promover políticas de vivenda adaptadas ás novas necesidades sociais. Dentro do espazo atlántico a nosa cidade é pioneira na xestión de solo protexido e na construción de vivendas sociais. Nestes momentos Santiago é a cidade galega que máis vivenda protexida está xerando, con índices que superan o que marca a lei autonómica. No 2008 estarán en fase de construción un total de dúas mil vivendas públicas na cidade, unha cifra que supón o 60 % e que supera o 40% que establece a Consellería de Vivenda.

Compartir: