ALCALDÍA

Sánchez Bugallo prevé un 2008 de "restricións" polo descenso dos ingresos por ventas patrimoniais

04/01/2008 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o Goberno municipal segue a traballar na elaboración dos orzamentos municipais para 2008. Neste sentido, anticipou que "o 2008 será un ano de restricións" para uns orzamentos que deben "encaixar un escenario económico máis complexo que nos últimos anos".

A razón destas limitacións no gasto estarán no "notable descenso dos ingresos procedentes do aproveitamento urbanístico, non no caso das licencias, pero si da veta de patrimonio". Así, Bugallo augurou un "descenso substancial" por este concepto, que supuxo en torno aos 16 millóns de euros en 2007.

Deste xeito, o orzamento total será semellante ao do anterior exercicio, xa que, segundo indicou "este descenso non se compensará por ingresos noutros ámbitos. Fronte a estas limitacións o alcalde afirmou que "se fará máis política social".

Índices de pobreza
A preguntas dos xornalistas, o alcalde pronunciouse sobre as recentes estatísticas sobre o índice de pobreza, e apuntou que as cifras de Santiago non son moi diferentes das doutras cidades e mesmo países. Indicou que, en moitos casos, as persoas por debaixo do índice de pobreza son maiores que viven cunha pensión.

Sánchez Bugallo citou como exemplo o das mulleres que, pola súa maior esperanza de vida, viven soas e coa pensión de viuvedade. Ademais, comentou que "en moitos casos hai un nivel de renda baixa, pero un patrimonio alto". Neste sentido, afirmou que "a maior parte do patrimonio mobiliario de Santiago pertence a propietarios de máis de 50 anos".

Compartir: