CULTURA

"Camiño a Guantánamo" inaugura o ciclo Cinema e Dereitos Humanos

04/01/2008 Un ano máis, chega en xaneiro o Ciclo Cinema e Dereitos Humanos ao Teatro Principal. Celebrarase do 7 ao 11, ambos incluídos, en dous pases ás 20:15 e ás 22:15 horas, organizado pola Concellaría de Cultura. O filme que inaugura o ciclo é Camiño a Guantánamo, de Michael Winterbottom e Mat Whitecross, premiado co Oso de Prata do Festival de Berlín no 2006.

Camiño a Guantánmo poderase ver o luns 7, ás 20:15 horas, e a continuación, ás 22:15, pasarase Bloody Sunday, de Paul Greengrass, un filme coproducido por Gran Bretaña e Irlanda que, entre outros galardóns, recibiu o Oso de Ouro de Berlín ou os premios do público do Sundance e do Festival de Cine de San Sebastián.

As películas que se poderán ver o martes 8 son El Polaquito, de Juan Carlos Desanzo, drama arxentino que conta a dura historia dun rapaz de 13 anos que gana a vida cantando tangos na estación central de Bos Aires; e Offside. Fora de xogo, comedia que ilustra a loita polos dereitos das mulleres en Irán a través dunha pregunta: ¿por que é ilegal que as mulleres iranís vaian ao fútbol? Este filme obtivo o Gran premio do Xurado do Festival Internacional de Cine de Berlín no 2006, así como o Premio Xove e Premio á Mellor Actriz no Festival de Cine de Xixón nese mesmo ano.

O mércores 9 será o turno de Apaga y vámonos, de Manel Mayol, na sesión das 20:15 horas, e de Ararat, de Atom Egoyam na das 22:15 horas. En Apaga y vámonos, poderase coñecer máis de preto a historia da construción da presa Ralco, que levantou Endesa no río Biobío e que é a terceira máis grande do mundo. Esta presa, cualificada pola universidade ARCIS de Chile como un xenocidio, viola os dereitos humanos do pobo mapuche segundo a ONU. O filme obtivo, entre outros, os premios de Mellor Filme no Festival de Toronto, ou a Mención de Honor no Festival de Cine de Bogotá.

Pola súa banda, o filme francés-canadiense Ararat, que dirixe Egoyam, reflicte o conflito de Armenia e Turquía a través da historia contemporánea de dúas familias separadas e a súa busca da reconciliación e da verdade, enfrontándose a un pasado terrible e a un presente complicado. Este filme conseguiu nos premios de cine canadense os galardóns a mellor película, actor de reparto, actriz, banda sonora e deseño de vestiario.

Xa o xoves 10, último día do ciclo, poderase volver ver Ararat, de Atom Egoyan, ás 20:15, e Offside, de Panahi, ás 22:15 horas. O prezo para os filmes é de 3 euros a entrada por película, podendo mercarse un abono para as seis películas cun custe de 12 euros. As entradas poden recollerse nas taquillas do Teatro Principal a partir das 18:00 horas.

Compartir: