MOBILIDADE

O 2007 rematou sen vítimas mortais por accidentes de tráfico nas vías urbanas de Santiago

03/01/2008 Despois de 21 anos realizando as estatísticas de sinistralidade nas vías urbanas do municipio, o 2007 é o primeiro que remata sen vítimas mortais. Así o anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, tras recibir do delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, un novo vehículo da Dirección Xeral de Tráfico para a realización de controis de alcoholemia.

Segundo apuntou Bugallo, "nos últimos 21 anos, pero probablemente dende os 70, este é o primeiro no que non faleceu ninguén nas vías urbanas". Neste sentido, lembrou que "nos últimos anos víñase reducindo progresivamente o número de vítimas, a pesar do incremento do número de vehículos e de vías urbanas". "Para nós isto é un motivo de satisfacción, polo que felicito á Policía Local e á concelleira responsable da área, Marta Álvarez-Santullano", engadiu.

Neste dato favorable incidiu o labor "preventivo e disuasorio" da Policía Local, materializado en algo máis de 3.000 probas de alcoholemia e no control da velocidade de 25.000 vehículos. Para realizar as súas tarefas, os policías composteláns disporán agora dun novo vehículo equipado para realizar atestados e controis de alcoholemia, que permitirá e reforzar estas actuación no municipio.

O delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, entregou as chaves do vehículo ao alcalde, que lembrou que se trata dun coche "claramente identificado", que posibilitará continuar cunha "estratexia preventiva da que estamos moi satisfeitos". Acompañáronos neste acto o xefe provincial de Tráfico, Pedro Pastor del Castillo; a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Álvarez Santullano; e o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde.

Ameijeiras aproveitou a entrega do vehículo para facer públicos os datos de sinistralidade nas estradas de Galicia. O 2007 rexistrou un descenso do 7,1% no número de vítimas mortais por accidentes de tráfico, contabilizando tanto en estradas como en vías urbanas. Así, pasouse de 309 vítimas en 2006 ás 287 do ano que rematou.

Compartir: