MOBILIDADE

A Cabalgata de Reis obrigará a varias modificacións do tráfico

03/01/2008 O Departamento de Mobilidade e Seguridade Cidadá informa aos composteláns que, con motivo da celebración da tradicional Cabalgata de Reis o sábado, 5 de xaneiro, realizaranse varias modificacións na ordenación do tráfico.

A partir das 10:00 horas quedará prohibido o estacionamento na explanada da Estación do ferrocarril, lugar de concentración da comitiva da Cabalgata de Reis. Xa a partir das 15:00 horas, non se poderá estacionar nas seguintes rúas afectadas polo itinerario da Cabalgata: Santiago de Chile (tramo comprendido entre Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo comprendido entre Santiago de Chile e Praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai desde a República do Salvador ata a Praza de Galicia). En todas estas rúas produciranse cortes temporais de tráfico de acordo co paso da Cabalgata.

Recoméndase aos condutores que eviten circular pola avenida de Lugo durante o inicio da Cabalgata (que ten prevista a súa saída en torno ás 18:00 horas da Estación de Ferrocarril), polos cortes que se producirán á altura do Hórreo e na rotonda da Pontepedriña. Neste caso poden empregar como alternativas para atravesar a cidade a autoestrada A-9 ou o vieiro Sar-Pontepedriña (dende a Avenida de Lugo a Amor Ruibal). Así mesmo, recoméndase aos condutores que na medida do posible eviten circular polo centro urbano ao longo da tarde do sábado.

Desvíos
Para facilitar o tráfico recoméndanse itinerarios alternativos. Así, os vehículos que circulen por Doutor Teixeiro serán desviados por praza de Ponte Castro, rúa da Rosa, rúa Antonio Casares e avenida de Lugo, ou ben polo Hórreo e pola avenida de Lugo.

Os que accedan dende a zona norte (Porta do Camiño), circularán pola rúa de San Pedro, Concheiros e avenida de Lugo ou, excepcionalmente, por Virxe da Cerca, Patio de Madres, Castrón Douro, Curros Enríquez, Bernardo Barreiro e avenida de Lugo.

Os vehículos que veñan de Vista Alegre–Galeras, en dirección ás estradas de Noia (C-543) e Pontevedra (N-550), irán por Poza de Bar, San Lourenzo e avenida Mestra Victoria Míguez (Vidán-estrada de Noia).

Finalmente, quen circule polos vieiros procedentes de Ourense e da Estrada, en dirección á zona sur –estradas de Pontevedra (N-550) e Noia (C-543)–, deberá ir pola zona do Castiñeiriño, a través do vieiro Santiago de Cuba e a través do cuarto xiro de Cornes recentemente inaugurado. Así incorporarse ao periférico e dende alí ás estradas referidas.

O Departamento de Mobilidade prega ós cidadáns que respecten estas indicacións e desculpen as molestias que estes cortes lles poidan ocasionar. Así mesmo, a Policía Local e Protección Civil piden que se sigan as súas indicacións.

Compartir: