CULTURA

O VII Festival de Zarzuela remata cun concerto dedicado ao musical americano

03/01/2008 O VII Festival de Zarzuela clausurarase o venres 4 de xaneiro de 2008 coa presenza de dous cantantes xa ben coñecidos polo público compostelá, a soprano valenciana Isabel Monar e o barítono murciano José Antonio López. Estes dous experimentados e garlardoados artistas pechan este exitoso certame que, na súa sétima edición, convocou novamente a numerosos afeccionados para escoitar a catro destacados cantantes interpretar variados programas de concerto que incluíron zarzuela, opereta, musical e canción.

Neste concerto de clausura, algo que xa comeza a ser habitual no Festival de Zarzuela, o musical americano volve ser protagonista. O pianista Vicente David Martín e o contrabaixista Lucho Aguilar, dous músicos polifacéticos próximos ao mundo do jazz, acompañarán a Isabel Monar e José Antonio López para ofrecer unha particular visión deste mundo do musical de Broadway e Hollywood ao través das cancións dos Gershwin, Porter, Bernstein, Sondheim, Weill e Arlem.

No Principal escoitaranse cancións do período americano do alemán Kurt Weill (no que compuxo musicais destinados para Broadway como Lady in the dark e One touch of Venus), fragmentos da ópera Porgy and Bess, de George Gershwin (entre os que destaca a celebre canción Summertime), dúas arias e un dúo do musical Wonderful Town, do xenial director e compositor Leonard Bernstein, o non menos coñecido Over the rainbow que Harold Arlem compuxo para Judy Garland na película O mago de Oz e, para rematar, unha boa mostra de cancións nadas do xenio musical de Cole Porter (Begin de Beguine, I love Paris, Every time we say goodbye, You are the top...). Unha noite festiva para rematar unhas datas que invitan a gozar dun xeito máis distendido da música.

Compartir: