ALCALDÍA

Compostela contará coa primeira biblioteca pública de Galicia cun sistema de control de fondos por radiofrecuencia

02/01/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañou ao ministro de Cultura, César Antonio Molina, e ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na visita que fixeron ás instalacións da nova Biblioteca Pública de Santiago de Compostela.

O arquitecto do edificio, Andrés Perea, explicou ao detalle o deseño do novo complexo, xa rematado e pendente da instalación dos fondos bibliográficos. Logo, nas súas intervencións, tanto o ministro como o presidente da Xunta, agradeceron a colaboración do Concello neste proxecto, especialmente coa cesión do terreo onde se construíu, nun lugar privilexiado como é a rúa Xoan XXIII, a carón do convento de San Francisco.

Para Pérez Touriño, "a nova sede da biblioteca responde ás crecentes necesidades e esixencias dunha cidade que experimentou unha importantísima transformación nos últimos vinte e cinco anos, dende o nacemento da Autonomía galega e dende a súa consagración estatutaria como sede da capitalidade de Galicia". Neste sentido, recalcou que Santiago precisaba ter unha infraestrutura cultural coma esta, "digna, funcional e fermosa", para satisfacer as demandas dunha poboación cunha "ampla vinculación" coa universidade.

Capacidade para 300.000 volumes
A nova biblioteca pública de Santiago terá capacidade para preto de 300.000 volumes, 17.000 publicacións periódicas, 140.000 unidades audiovisuais, ademais doutros materiais como microformas, gravados, mapas e planos, entre outros. Unha das principais novidades é que se trata da primeira biblioteca pública de Galicia que conta cun sistema de control de fondos por radiofrecuencia.

O novo edificio conta con máis de 5.809 metros cadrados, distribuídos en cinco andares e un soto. O edificio dispón dun primeiro andar que estará dedicado á sección infantil e contará cunha capacidade para 30.000 documentos; un segundo que albergará a área de fondos xerais e capacidade para 100.000 documentos e distinto material audiovisual; un terceiro andar que estará destinado á consulta de documentos e no que haberá un espazo específico para os fondos especializados na cidade de Santiago; e un cuarto andar que se destinará a traballo do propio centro.

A biblioteca pública disporá de 529 postos para lectura e para participar en distintas actividades culturais, acceder a internet, visionar películas ou consultar a prensa diaria.

Un total de 37 traballadores atenderá a Biblioteca, na que o Ministerio de Cultura investiu un total de 9.530.973 euros, incluíndo a execución da obra, o equipamento e o mobiliario. Da xestión das instalacións encargarase a Xunta a través da Consellería de Cultura e Deporte.

Compartir: