FESTAS

Os Reis Magos repartirán 3.000 quilos de caramelos sen glute

02/01/2008 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou as actividades previstas para a Cabalgata de Reis. As súas Maxestades chegarán, un Nadal máis e xa van 40, en tren, para logo dirixirse á praza do Obradoiro percorrendo diversas rúas e prazas da cidade.

Dez carrozas e máis de 250 persoas participarán nesta edición da tradicional Cabalgata, que arrincará ás 17:45 horas do sábado 5 de xaneiro, coa chegada dos Reis á estación do ferrocarril. Alí serán recibidos polas autoridades e pola Banda Municipal. A continuación, percorrido polas rúas da cidade: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Xelmírez e Praza das Praterías.

Ao seu paso, as súas Maxestades repartirán 3.000 quilos de caramelos, que un ano máis serán sen glute, para que os poidan tomar os celíacos. Os Reis estarán secundados por escuadróns a cabalo e a pé. Ademais, amenizarán musicalmente as rúas a Banda de Cornetas e Tambores e outra formación de bombeiros voluntarios de Portugal. Nas carrozas haberá tamén unha representación do colectivo de persoas con síndrome de Down.

Os Reis Magos chegarán sobre as 19:00 horas á Praza do Obradoiro. Entón dirixiranse ao Pazo de Raxoi, onde serán recibidos polo alcalde e pola Corporación Municipal. Logo, o rei Melchor dirixirase dende os balcóns aos nenos e nenas presentes na praza. E tras un espectáculo de luz, son e fogos de artificio, todos os nenos serán recibidos polos Reis, que atenderán as súas peticións no salón nobre e daranlles máis caramelos.

Xa o día antes, o venres 4, a partir das 17:00 horas, o Carteiro Real estará na Praza do Toural para recoller as cartas dos rapaces, nunha xornada tamén chea de animación. O paxe repartirá unhas mans xigantes de cartón para dar a benvida aos Reis ao día seguinte. E ás 20:00 horas, no mesmo Toural, actuación da Coral Alfaia. Tamén haberá outro Carteiro Real en Nadalxogo, no multiusos Fontes do Sar.

Documentos relacionados



Compartir: