EDUCACIÓN

Quince nenos saharauís compartirán as súas vacacións con familias de Compostela

07/07/2005 Un ano mais o programa de acollida "Vacacións en paz" permitirá a 15 nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados da zona de Tinduf, no sudoestes de Alxer, compartir os meses estivais, de xullo a setembro, con familias compostelás.

Os rapaces saharauís, as familias que os acollen e unha delegación do Frente Polisario foron recibidos o xoves, 7 de xullo, na Casa do Concello polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e polos concelleiros Elvira Cienfuegos, Teresa García-Sabell, Manuel Portas e Xesús Pampín.

Evira Cienfuegos, concelleira de Educación, tivo unhas cariñosas palabras de agradecemento para as familias acolledoras que participan neste programa, xa veterán, loubando a súa solidariedade. Pola súa banda, Sánchez Bugallo manifestou que os nenos resultan os mellores embaixadores da causa da paz nun programa que ten como protagonistas fundamentais ás familias e aos propios rapaces.

Moción para reclamar o exercicio das liberdades democráticas
En resposta ao representante do Frente Polisario, que denunciou a brutal represión das autoridades marroquís nas recentes manifestacións reclamando o referendo sobre o Sáhara, posposto desde hai xa 14 anos, Sánchez Bugallo manifestou a intención de aprobar unha moción para que o Concello exprese ao goberno magrebí a súa preocupación pola falta de despecto dos dereitos humanos, e en especial do dereito á liberdade de expresión que recolle a Carta dos Dereitos fundamentais da ONU. Bugallo lembrou que as continuas excusas para a demora do referendo "resultan inverosímiles".

Vacacións en paz, un programa de solidariedade
O programa de acollida de nenos e nenas saharauís por familias de Santiago permite a súa estancia entre nós nos meses de xullo, agosto e setembro afondando no proxecto iniciado con motivo do Programa Compostela 93 de apoio, recoñecemento e fortalecemento de políticas de cooperación en eidos diferentes, de acordo coas directrices e recomendacións emanadas da Unión Europea, no camiño de mellorar as condicións de vida dos pobos do mundo e con accións diversas no terreo da produción industrial, do comercio, da educación e da cultura.

Así "Vacacións en paz" atende á solicitude expresada pola Delegación Saharauí para Galicia, canalizada pola Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí. Os rapaces e as rapazas que participan neste proxecto teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís que se encontran na zona de Tinduf, sudoeste de Alxer.

Trátase de ofrecer a estes nenos nacidos no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos e promover valores de solidariedade coa cooperación dos composteláns.

Este tipo de visitas son moi importantes para que eles desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo preténdese facilitar a relación de familias de Santiago con rapaces doutras culturas.

Compartir: